O Camariñas, campión da Liga da Costa
Mañá histórica a deste domingo no Vicente Carril, cun ambiente espectacular, que dá conta da potencia social do fútbol costeiro. O Camariñas superou ao Corcubión por 4-1 e proclamouse campión da 2ª FUTGAL.
O club encaixeiro faise co seu 5º campionato da Liga da Costa da súa historia, 21 anos despois do último conseguido. O cadro barallará nestas semanas a decisión de ascender a 1ª ou non.
Tivo que remontar o cadro de Juan Cabrejo e Faus o gol de Iago Lema á media hora. Pero non lle puido a presión aos camariñáns e nunha espectacular déronlle a volta ao marcador e remontaron cos tantos de Djibril, Javi Antelo e Mario de penalti, facendo Roi o cuarto xa no desconto para delirio das bancadas.
Máis que merecido o campionato dun equipo que liderou a meirande parte da campaña, e que de alza co título con 3 xornadas de marxe.
O cadro de Cabrejo formou nesta xornada historia con Jorge na porta (Pablo Novo tamén foi fundamental ao longo do curso), Pablo Suárez, Carlos, Víctor, Oli en defensa, o eterno Mouriño como eixe, Roi, Javi, Soule, Mario, e Djibril. Tamén xogaron Manuel, Caamaño, Gora e Borja.
21 anos despois
Foi na 2003/2004 cando aquel equipo dirixido por Berto conseguía, cun dominio semellante ao desta temporada, o seu último título. Aquel equipo estaba formado polos Manolito, Pepucho, Pirucho, os irmáns Costa (Diego e David), os irmáns Toja (David e Mario) e mesmo Moriño, que xa vestía a camiseta do primeiro equipo. A alegría do título chegou na antepenúltima xornada, cando un gol de Pirucho lle daba a vitoria aos camariñáns no Carral ante o Sofán para completar a fazaña, e rematar posteriormente con 11 puntos de vantaxe sobre un San Lorenzo, que a final, sería o equipo que ascendería a 1ª Rexional trala renuncia do cadro camariñán