Crónica: Un pouco de todo

Imaxe do Muxia-Coristanco

Finde completísima de fútbol costeiro, cun fermoso carrusel dominical cheo de goles, pero ademais competicións de todas as categorías.

Por arriba, vitoria sabrosa pero pouco útil do Fisterra e empate insuficiente do Xallas nas Pontes.

Na 1ª, tamén se fai longa a campaña, e os nosos na fase de ascenso volveron perder, mentres que o Corme practicamente acabou as súas opcións de permanencia. O Soneira perdeu pero non terá problemas, mentres que o partidazo se xogou no Pinguel cun 3-2 para os locais ante o Volantes que deixa aos muradáns moi tocados.

Na Fase de Ascenso Liga da Costa, Esteirana e Muxía seguen demostrando estar un punto por riba do resto. O Castriz, tamén en gran forma, complicado ten para sumarse ao lío, pero aínda ten dous choques directos.

Poucas novidades na fase pola permanencia, pero ollo que é probable que caian dous por grupo…

Na 3ª, Corcubión e Xallas nun grupo pelexan pola praza de ascenso sen marxe de erro; e no outro a cousa está máis viva, e o Porteño volveu poñer enriba da mesa a súa posición vencendo a un Laxe que viña fortísimo.

Fútfem

Malas novas para o Cee feminino, que se despediu nas semis da Fase de Ascenso recibindo unha goleada en Cambre. Na Fase de Ascenso da 1ª Galega, o Bergan segue con todo de cara para quedar entre as dúas primeiras e seguir soñando co ascenso á categoría nacional.

Base

Ademais das primeiras eliminatorias copeiras, disputáronse ademais a ida das semis das Fases de Ascenso Xuvenil, Cadete e Infantil. Pau, relativamente esperado, para o Cabana en Xuvenís; derrota pola mínima do Cee cadete ante o Noia; e gran vitoria do Xallas ante o Bertamiráns.