Xuvenís: Dominio blaugrana polo sur e igualdade máxima polo norte

Os xuvenís de Corme e Ponteceso lembraron este pasado sábado o pasamento do colexiado cormelán Lucas Vicente Vidal. Foto de Edu Cambón

Reactivouse a curta competición nas Ligas Xuvenís. A piques de chegar ao final da primeira volta, os 15 equipos costeiros loitan por esquivar as ondas do Covid, e por intentar coller ritmo nunha competición moi cortiña. De feito, ata o de agora apenas vai 6 xornadas de Liga, polo que se fai complicado ter ritmo de competición.

As circunstancias, ademais, fan que sexa complicado ter un grupo completo de xogadores. O Cabana, por exemplo ten un plantel de 14, pero 2 aínda case non apareceron entre estudar fóra e as corentenas (de feito, un rapaz que saía este venres da corentena, o sábado non respiraba ben e agotábase moito e apenas puido xogar, e ten un xogador enfermo e outro lesionado de longa duración.
Por Corme tamén houbo un gromo antes do Nadal que lles parou a competición antes de tempo, e tamén están sufrindo lesións graves e importantes o cadro cormelán, como as de Marcos (rotura de menisco) e Xoel (rotura de ligamento cruzado, da que foi operado hoxe).

Repasamos así, como van os dous grupos, onde se polo Sur domina a Esteirana, o Norte está moito máis igualado.

Grupo 1A Norte

Moi fermosa está a parte alta do grupo norte. 4 equipos están en só 2 puntos, cunha igualdalde máxima. Por unha banda está o Cabana de Fernando, que ten dinamita arriba, se cometes un erro defensivo xa te ves con un gol de eles. Está tamén o Xallas de Jota, un dos equipos que mellor practica o xogo combinativo con xogadores de moita calidade individual. O Corme de Ángel, un equipo compacto defensivamente moi difícil de superar e que aproveita moi ben as súas ocasións de gol. O completa o cuarteto, un moi ben traballado SD Sofán de Barca e Diego Viaño.

Líder está agora o Cabana, a pesar da derrota desta fin de semana ante o Sofán. Os carballeses deixan a clasificación apretadísima, tamén co Corme (que venceu o derbi ante o Ponteceso pola mínima) e o Xallas, que superou ao Cerqueda e que se rebela como un dos equipos que mellor combina.

Así opina, por exemplo, o mesmo adestrador do líder, Fernando, que considera que “o Xallas ten o mellor plantel”, “se ben o Sofán vai vai estar aí pois ten bo equipo e xogan bastante ordenados”; e como non, “o Corme, que sempre está aí e levan o fútbol no ADN e son moi correosos”. Apunta tamén que o Ponteceso ten moitos rapaces e moi fortes” e que cando estean ao 100% vai ser difícil ganarlles”. Dos de abaixo, considera que “o Zas xoga ben ao fútbol, e se están todos pódenche complicar a vida”, mentres que sabe que o Baio sobre que os seus mellores homes están xogando cos sénior.

Na segunda praza está o Sofán de Barca, que considera que este ano a competición vai depender case máis da sorte de non ter demasiadas baixas por corentenas que de ter ben traballados os equipos.

Para Ángel, o adestrador tamén dos séniors do Corme, o “grupo está igualadísimo, e costa moito facerse cos puntos”. Esta fin de semana vencían ao Ponteceso nun sentido derbi que non quixo esquecer o pasamento do colexiado cormelán Lucas Vicente Vidal.

Completa o cuarteto de arriba o Xallas de Jota, que superaba esta finde ao Cerqueda de Dani Reixía, un equipo que mellorou moito dende comezo de temporada, e que xa compite con todos. Jota é outro dos que ve que a liga está moi apretada, e recoñece que está contento co seu equipo, aínda que sexa moi novo, case todos de primeiro ano, pero que ve que están collendo a idea combinativa que lles propuxo dende o comezo. En calquera caso, deixa claro que “se non hai partidos non colles ritmo”.


Foto do Ponteceso

Na zona baixa quedan, separados polo Ponteceso de Da Silva, o Zas de Anxo, o Cerqueda de Dani Reixía e o Baio de Pablo Guau, o único que aínda non punutou.

Anxo Garrido, adestrador zaseiro, tamén analiza a competición, tras vencer ao Baio e sumar a segunda vitoria do curso. “A liga está moi competitiva. Non hai un dominador claro e eso faina bastante divertida, os 4 de arriba repártense moitos puntos nos enfrotamientos directos que nos dá a posibilidade de acercanos a eses postos os que vimos traballando dende a zona baixa”.
”Nós empezamos tarde a confeccionar o equipo e lastrounos á hora de contactar con xogadores porque xa tiñan a palabra dada en outros equipos, pero agora estamos ben armados con moitos xogadores polivalentes que nos dan moitas variantes para encarar os partidos”. Ademais o equipo só tivo porteiro nun partido, un feito clave, pero a polivalencia de todo o plantel fai que haia esperanza de levantar o voo, tendo en conta que teñen uns medios de gran calidade como son Marcos, Brais e Adrián, que son titulares habituais xa cos seniors e que vñen con moita forza o cadete Anxo cunha proxección moi alta.

 

Grupo 1B Sur

Menos igualada se atopa o grupo Sur, cunha Esteirana, adestrada de novo por Gustavo, que arrasa. 6 vitorias en 6 partidos, 27 goles a favor e só 3 en contra suman os blaugranas con Manu Teijo, Anxo e Iván fartando a meter goles. En calquera caso, Gustavo considera que "a boa racha que estamos ter e mérito de todo o equipo, que está creando moitísimas ocasions de gol e xogando bastante ben".  Con xogadores moi destacables como Óscar, Priegue, Ángel, Sergio e Javi, Gustavo cre que "a segunda volta vainos costar un pouco mais xa que os equipos nos van coñecendo".

Lonxe queda xa, a 9 puntos pero con 2 partidos menos, o Outes de Manu Sieira. Os da Serra contan tamén cun home gol como Massa, un equipo moi ben organizado e ordenado no campo, coas ideas claras, e un plantel moi equilibrado pero moi novo, xa que apenas hai 3 rapaces de último ano, tendo en conta que a comezo de curso 5 puntais desta xeración marchou para Santiago a competir en Ligas Galega e Nacional. Será o Outes, que só caeu, pola mínima, ante o líder, o que poida poñer en perigo a supremacía blaugrana.

Pero ollo tamén ao Cee, ata agora dirixido por Muchi e que collerá Isidro Caamaño, un equipo tremendamente forte; aos Miúdos de Mané Senande, que demostran semana tras semana que saben competir; e ao Muxía de Diego Lobelos, un equipo moi forte e intenso que puxo en apuros ao líder na útlima xornada.

Aínda sen estrear o taboleiro de puntos, pero con 2 partidos menos, atopamos ao Porteño de Caamaño e Soneira de Roi.

Pichichis

Na táboa de pichichis, deixamos os seguintes nomes:

  • Manuel Teijo (Esteirana): 9 goles en 5 partidos.
  • Santi Silva Massa (Outes): 8 goles en 4 partidos.
  • Anxo Caamaño (Esteirana): 7 goles en 4 partidos.
  • Miguel Blanco (Cabana): 7 goles en 5 partidos.
  • Félix Neira (Ponteceso): 7 goles en 5 partidos.
  • Rubén Sánchez (Cabana): 5 goles en 5 partidos.

As táboas en www.futboldacosta.com.