180 km de corredoiras para facer historia na Primavera en Ruta de Senda Nova

Primavera en Ruta con Senda Nova polos Rios de Sofan

O “Primavera en Ruta” non é só un dos programas máis antigos da activa entidade Senda Nova. É tamén un dos progamas máis antigos que hai na Costa da Morte que fomenta o sendeirismo e o amor pola natureza a través do contacto directo, a pé, ás andainas. Por iso, cómpre facer parada e facer balance desta 8ª edición que remataba este pasado domingo polos ríos de Sofán.

O responsable de Senda Nova, Jose M. Menéndez fai historia desta campaña que levou dende o mes de abril, a mís de 450 persoas (moitos, moitísimos cativos) a través de “180 quilómetros de corredoiras, lama, pontes e beiras de ríos cheas de encanto e silvas”.

180 km percorrendo bosques de Carballo, Coristanco, Trazo, Cabana, Zas, Malpica, Laracha, Ponteceso ou Laxe, que serven para reiterar nalgo que sempre destacamos da nosa bisbarra: o noso meirande tesouro, o patrimonio natural.

Primavera en Ruta con Senda Nova polos Rios de Sofan

E precisamente ese amor pola contorna, pola natureza máis auténtica é o que considera Jose M. Menéndez necesario para intentar evitar as ducias de desfeitas que destrozan a nosa terra. “Ata o de agora, o resumo das conclusións poden sintetizarse no coñecemento e no movemento. En sentir os nosos recursos naturais como propios das grandes comunidades de especies coas que convivimos e, o noso patrimonio, como a historia na que nos apoiamos para saber quen somos e a onde imos.
Sen dúbida, camiñar en grupo e perderse nos diminutos recunchos favoritos, ou mesmo facelo a carón de grandes horizontes mariños, abre as hipóteses e invita ao pensamento. Facelo unindo percorridos que espreman e escaneen a paisaxe, a historia e a ecoloxía da Costa da Morte suma coñecemento e amor polos espazos en cada un de nos”
.

Así describe a experiencia o propio Menéndez, ansiando conseguir o feito de seguir “facendo historia”.

 

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com).
  • Senda Nova.