O BNG de Laxe denuncia a negativa do goberno local a facilitar información solicitada hai máis de seis meses

Paco Charlín, alcalde de Laxe

O BNG de Laxe vén de denunciar publicamente a falta de transparencia do goberno municipal tras non recibir, a día de hoxe, a documentación solicitada por escrito en outubro de 2025 relativa a cuestións de interese público.

En concreto, o grupo municipal do BNG requiriu acceso aos contratos de comodato asinados con propietarios de fincas privadas para a habilitación de aparcamentos, así como ao rexistro municipal de asociacións. "Trátase de información esencial para exercer a labor de control e fiscalización que corresponde á oposición, así como para garantir a transparencia na xestión dos recursos e espazos públicos", aseguran dende o BNG.

O BNG lembra que "a lexislación vixente establece un prazo máximo de cinco días para facilitar a información solicitada polos membros da corporación municipal". Transcorrido amplamente ese prazo sen resposta, o acceso á documentación enténdese concedido por silencio administrativo positivo. "A negativa reiterada ou a inacción por parte do goberno local supón, polo tanto, un incumprimento claro das súas obrigas legais".

Desde o BNG de Laxe denuncia así unha “falta de vontade política de actuar con transparencia e de render contas ante a cidadanía”. "non é un favor do goberno municipal, é un dereito"

O BNG esixe ao goberno local a entrega inmediata da documentación solicitada e non descarta emprender as accións legais oportunas para garantir o cumprimento da lei e a defensa dos dereitos que lle corresponden como representantes da veciñanza.