O  BNG de Laxe insta ao Concello a elaborar un plan integral para o mantemento do CEIP Cabo da Area

Foto do centro: @paxinasgalegas

O grupo municipal do BNG de Laxe presentou unha moción para o vindeiro pleno para instar ao goberno municipal a poñer en marcha un plan integral para garantir o coidado, mantemento e seguridade do CEIP Cabo da Area. A portavoz nacionalista, Cristina Vázquez del Prisco, explicou que se trata dunha "petición que ven de lonxe, tanto por parte do BNG como do propio centro educativo" para paliar a súa "situación de deterioro estrutural".

"Contar cun colexio digno e coidado - agora que, ademais, so contamos cun único tralo peche das escolas unitarias - é fundamental para o benestar do alumnado e do profesorado, así como para fixar poboación en Laxe e para que a rapazada non se vexa na obriga de ir estudar ao concello veciño" sinala Vázquez del Prisco.

A moción presentada fai referencia explícita á Lei de Bases de Réxime Local (Lei 7/1985), que obriga aos municipios a garantir o mantemento, conservación e vixilancia dos edificios escolares de infantil e primaria. Neste sentido, o BNG reclama ao concello de Laxe que asuma as tarefas de mantemento e servizos básicos mediante a posta en marcha "dun plan integral", que inclúa "os recursos propios planificados e orzamentados, e as posibles subvencións e/ou convenios con outras administracións, xa sexa a autonómica ou a provincial" xa que, afirman, “non se pode seguir dependendo da boa vontade do equipo directivo e conserxe do Cabo da Area, que están traballando por riba das súas funcións para que o colexio funcione correctamente”.

O curso académico 2024/2025, comeza de novo coas demandas a nivel de melloras estruturais do CPI Plurilingüe Cabo da Area sen resolver. Tal e como recolle a moción, estes aspectos de varios niveis de urxencia e gravidade son coñecidos polo equipo de goberno pois téñense levado ao consello escolar, onde hai representación municipal, de seguido, así como á xefatura provincial e dirección xeral. Filtracións, obras inacabadas que impiden o uso de diferentes espazos, o depósito de gasoil que se atopa á intemperie, o necesario cambio dos canalóns ou a ausencia dun patio infantil funcional son algunhas das demandas.