Contramínate pídelle ao Concello de Laxe e á Consellería de Medio Ambiente que mellore as labores de extracción de invasoras
Esta semana, a Consellería de Medio Ambiente está a realizar na Braña de Soesto (Laxe) labores de extracción de especies invasoras, especialmente da cala (Zantedeschia aethiopica). Operarios de Tragsa, a través dos fondos da Unión Europea, traballan dende hai 10 días nun pequeno tramo do río inferior aos 200 metros, desde a ponte da Braña ata a praia.
A entidade medioambiental Contramínate leva “vixiando” estes traballos e considera que “nesta intervención concorren unha serie de despropósitos”. Primeiro denuncian “o uso de maquinaria pesada provoca danos ambientais irreversibles” nun área xeográfica pertencente á Rede natural 2000 que inclúe: Zona de Especial Conservación (ZEC); Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e ademais é ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais).
As persoas da entidade consideran que “tanto a maquinaria utilizada nas zona de fácil acceso arredor do merendeiro de Soesto, como o arranque manual con fouce e pá no resto, deixa totalmente desprotexida de manto vexetal a marxe dereita do río. A erosión derivada do movemento de terra é evidente”, sinalan.
Consideran tamén que a “primavera é a peor época para acometer estas actuacións”, porque “é o momento de máxima actividade vital, de crecemento e reprodución. É neste momento cando hai máis niños activos, máis actividade de alimentación e cando hai máis risco de que unha intervención mal programada destrúa sen remedio un ciclo enteiro de reprodución, da especie que sexa”, sinalando que hai varias especies referenciadas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, coas categorías de vulnerable ou en perigo de extinción, como é a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.), a escribenta das canaveiras ou a palleira rabilonga, (Stercorarius longicaudus).
Vai máis alá Contramínate, deixando patente que “resulta imposible eliminar esta especie invasora dado que aproximadamente en dous quilómetros (do pazo de Soesto á Braña), o río discorre por fincas privadas infestadas destas plantas, fincas onde non se pode intervir. A planta rexenérase sen posibilidade de evitar a propagación no futuro”. Porque esta “non é a primeira vez que se fai esta intervención na Braña de Soesto e comprobamos que noutras ocasións non se aplicou ningún plan de recuperación”.
De feito, indican que se cadra os tiros son erróneos e que "a cala de Soesto está desde hai 200 anos nun área controlada”, cando os eucaliptos arrasaron no pasado século os monte da contorna.
A entidade denuncia ademais o uso por parte de Tragsa de Glifosato para erradicar a unlla de gato nos cantís e lugares de difícil acceso na Ínsua de Laxe, cando o Concello ten aprobada unha moción por unanimidade na que se declara libre deste herbicida.
Peticións á Consellería
Por todo o exposto, A Asociación Ambiental Contramínate considera que “ante esta forma de proceder para erradicar especies invasoras mellor sería manter a prudencia. Pensamos que a erradicación das plantas invasoras require dun estudio e dun protocolo moi específicos en cada zona de actuación, dado que o dano causado nunha intervención pode ser maior que o suposto beneficio”. Así mesmo indican que “a erosión da marxe do río producida polos traballos de extracción fai necesario un plan alternativo de restauración, de repoboación con especies autóctonas de ribeira para evitar unha rápida propagación da especie invasora. Compre controlar así mesmo, a recente aparición nun área concreta da Braña da especie de flora exótica e invasora margarita africana (Arctotheca caléndula)”.
Peticións ao Concello
A entidade tamén ten peticións para o seu concello en materia de sinalizacion da entrada e saídas praias, que quedan tapadas pola area; e en materia de limpeza: “Compre insistir na recollida diaria de lixo das papeleiras e contedores instalados nas praias que de cotío están a rebentar”. Solicitan tamén a apertura durante todo o ano dos urinarios existentes, para uso da veciñanza, así evitar o cheiro permanente a ouriños no muro do paseo marítimo”.
Igualmente pide “esixir aos establecementos de hostalaría varrer as cabichas ás beiras das súas terrazas".