Denuncian actos vandálicos na piscina de Laxe

A piscina apareceu con cables eléctricos dentro da auga

Esta pasada madrugada desenvolvéronse unha serie de actos vandálicos na Piscina Municipal de Laxe. Quen levou a cabo esta acción censurable entrou á noite ocasionando diferentes desperfectos como a rotura dunha porta e dun baño, entre doutros elementos.

Apareceu tamén un cable enchufado á corrente eléctrica e tirado á auga no vaso da piscina, co conseguinte risco eléctrico. O cable formaba parte da iluminación azul que ten o cartel ao carón do barco que dá á benvida a Laxe. O tendido eléctrico foi previamente extraído do cartel de madeira no que estaba instalado e logo levado á piscina, enchufado e tirado á auga.

“Deuse parte á Garda Civil que acudiu á Piscina Municipal e vaise proceder a tramitar a pertinente denuncia”, tal e como explica o alcalde, Francisco Charlín.