Denuncian danos no campanario da igrexa e no cruceiro de Laxe
O BNG de Laxe vén de enviar un escrito á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia así como a Patrimonio do Arzobispado de Santiago poñendo en coñecemento de ambas institucións "o preocupante estado no que se atopa o campanario da igrexa de Laxe, así como tamén o cruceiro adxacente", ámbolos 2 declarados BIC.
Segundo o BNG, "corresponde á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre o patrimonio cultural de Galicia". Ademais, unha vez que a igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe trátase dun BIC propiedade da Igrexa Católica, a lei recolle que "A Igrexa católica, propietaria dunha boa parte do patrimonio cultural de Galicia, velará pola súa protección, conservación, acrecentamento, visualización pola cidadanía e difusión, colaborando para este fin coa Administración". En definitiva, o BNG lembra que “Unha comisión mixta entre a Xunta de Galicia e a Igrexa católica establecerá o marco de colaboración e coordinación entre ambas institucións para elaborar e desenvolver plans de intervención conxunta".
Por todo isto, solicitan unha actuación o máis inmediata posible polo "estado lamentable e preocupante no que se atopa a torre do campanario que presenta unhas gretas considerables que poderían provocar mesmo o derrubamento da mesma, ao igual que o cruceiro de estilo barroco, que se atopa nas inmediacións, tamén protexido.