”Non sei se foi a lúa, as Estrellas (Galicia), ou ese orgullo que só poden sentir os que vivimos na aldea, pero esa noite puxemos en marcha as festas de Traba"

Diego Mouzo, José Carlos Figueiras e Javier Trillo cos carteis da Romaría dos Milagros de Traba

Unha das citas da completa Axenda desta fin de semana na Costa da Morte é a Romaría dos Milagros de Traba. Unha cita que estivo a piques de non celebrarse este ano de non ser pola nova comisión de festas.

Todo xurdiu un días previos ao Sacramento, e como non podía ser doutra maneira, nun bar, un grupo de veciños con moito cariño a esta vila, que os viu medrar, laiábanse de que non se fora celebrar esta festa. ”Non sei se foi a lúa, as Estrellas (Galicia), ou ese orgullo que só poden sentir os que vivimos na aldea, pero esa noite quixemos poñernos en marcha para dar unhas festas a Traba e, por suposto, algo do que falar”, explica Silvia Parada.

Coa luz do día xa comprobaron que as cousas requiren do seu tempo e aínda que xa tiñan todo en mente, había que telo en papeles polo que non chegaron a celebrar as cacholas. Pero si lles deu tempo para comezar a traballar para as grandes festas da vila: A Romaría dos Milagros.

Así foi como Diego Mouzo, José Carlos Figueiras e Javier Trillo formaron a Asociación Cuarto Domingo de Agosto, e tras moito traballo como a nova Comisión de Festas de Traba de Laxe, conseguiron opresentar un completo programa para este domingo 24 e o luns 25 de agosto.

Xa dende o 15 e ata o 23 de agosto ás 19:00 h soan as Misas da Novena na honra de Nosa Señora dos Milagres.

O mesmo domingo 24 de agosto de 2025, As festas de Traba, concello de Laxe, comezan con misas cada hora a partir das 9:00 h na honra de Nosa Señora dos Milagres.
Ás 13:30 h, terá lugar a misa solemne e procesión de Nosa Señora dos Milagres. Despois dos oficios relixiosos, gozarán da banda de gaitas Churia, e comezará a sesión vermú coa orquestra Escaparate, que tamén animará a verbena da noite coa orquestra Compostela.

Para o luns 25 de agosto de 2025, ás 13:00 h, celebrarase a misa solemne na honra de San Xosé. Despois, desfrutaremos da banda de gaitas.
O dúo DeFesta, dos veciños de Laxe, será o encargado de facer bailar e desfrutar tanto da sesión vermú como da festa nocturna.