Piden á Xunta que coordine liñas de transporte público para o alumnado de secundaria de Laxe

A voceira do Cristina Vazquez del Prisco e Oscar Insua

O BNG de Laxe vén de solicitar á Xunta liñas de autobuses axeitadas para o alumnado do municipio que está cursando ensinanzas non obrigatorias. Mediante unha serie de iniciativas parlamentarias do deputado Oscar Insua, a formación nacionalista insta ao goberno galego a atender as demandas necesarias para que os estudantes de Laxe que están matriculados en Bacharelato e ciclos formativos de FP poidan desprazarse ata os institutos onde están estudando.

Na proposta presentada por Insua no Parlamento galego, o BNG pide que o transporte público teña en conta os horarios de entrada e saída do alumnado que estuda nos institutos de Ponteceso e Baio. E o mesmo cos escolares que residen no lugar de Traba para enlazar a tempo cos autobuses que saen da parada en Laxe.

A organización nacionalista explicou que os estudantes de Bacharelato e ciclos formativos de Laxe utilizan o transporte habilitado para o alumnado da educación obrigatoria, tanto para ir a Ponteceso como a Baio, collendo o autobús nas paradas dispostas para os nenos e nenas da ESO.

“Mais atópanse co problema de que algúns días da semana que teñen aulas pola tarde, non teñen bus nin para ir nin para volver, polo que teñen que buscarse a vida, e xa están habituados a marchar antes de que rematen as clases para poder coller o autobús que non espera”, sinalou a portavoz do BNG de Laxe, Cristina Vázquez del Prisco, que engadiu que algúns destes alumnos e alumnas residen no lugar de Traba, a parroquia máis habitada despois do núcleo urbano, e teñen que desprazarse ata Laxe para poder coller o autobús que sae directo para os seus institutos.

“O paradoxo é que existen paradas de autobús no mesmo lugar de Traba, pero só habilitadas para o alumnado do CPI Cabo da Area de Laxe; son paradas plenamente operativas e integradas nas rutas oficiais de transporte escolar, polo que a súa utilización ampliada ao alumnado de educación non obrigatoria non suporía unha modificación substancial da infraestrutura existente nin un incremento significativo dos recursos necesarios”, concluíu Vázquez del Prisco.