Pontón lanza a Cristina Vázquez cara alcaldía de Laxe

Ana Pontón con Cristina Vázquez Prisco

Ana Pontón, achegouse na tarde deste vernes ao acto de presentación de Cristina Vázquez como candidata do BNG á Alcaldía de Laxe nas eleccións municipais de maio de 2027. A portavoz nacional do BNG amosouse "confiada de que nesa cita coas urnas o concello vai abrir unha nova etapa da man do Bloque con Vázquez como alcaldesa".
“Estou convencida de que Cristina Vázquez vai ser a próxima alcaldesa para poñer en marcha un Laxe mellor, un Laxe en grande”, manifestou Pontón, quen destacou “a forza e o coñecemento” dunha candidata que ten tamén “equipo e proxecto” para que o concello avance. 

Un gran equipo de persoas que comparten as ganas de mellorar Laxe, subliñou, e un proxecto para facelo posible partindo de toda a experiencia acumulada no BNG na xestión municipal, o que considerou “un aval para poder facer ben as cousas”. 

A líder nacionalista exemplificou o modelo transformador do Bloque en Carballo, "un municipio que non deixa de progresar e ao que sinalou como un referente no económico, no social e no cultural. Ese é o modelo do BNG e o que queremos para Laxe", explicou.

Tanto Pontón como Vázquez agradeceron o traballo de Xosé Manuel Pose, un “referente” para a primeira e un “mestre” para a segunda, que vai seguir colaborando activamente para lograr o cambio que precisa o concello en 2027.  

Equipo do BNG de Laxe

”Defender un Laxe en grande tamén é defender un maior dinamismo económico e social, un turismo de calidade que teña en conta a quen vive aquí todo o ano,  é defender o sector pesqueiro e é defender o futuro”, afondou, para advertir a continuación que o futuro non pasa precisamente “polo espolio mineiro contaminante”, en referencia ao interese por reabrir a mina de Coens. 

 

Pola súa parte, Vázquez destacou o espírito loitador e traballador das veciñas e veciños de Laxe, aos que ofreceu a candidatura ganadora do BNG para construír un concello “mellor e con futuro”. Un municipio no que se garanten os coidados ás persoas maiores, que dispoña de espazos axeitados para as crianzas e no que se apoie a sectores clave como o pesqueiro, a hostalería ou o comercio, mais tamén a todas as empresas que hai nas distintas parroquias. 

Precisamente a cohesión social é outra das prioridades fixadas por unha candidata que ten moi claro que “Laxe non é o porto solo”. Neste sentido, apuntou a necesidade de conectar as parroquias a un servizo tan básico como o alcantarillado e facilitar que os cativos e as cativas dispoñan de buses para poder acudir aos centros educativos cando pasan da ensinanza obrigatoria. 

Vázquez tamén apostou por manter o concello limpo os 365 días do ano, e non só cando chega a afluencia turística, e por protexer o patrimonio cultural, arquitectónico e natural do concello, como a Lagoa de Traba.

A candidata mostrouse ilusionada ante o reto das eleccións municipais de 2027 e agradeceu o apoio recibido nunha “carreira que empeza agora” e que afronta desde o convencemento de que “Laxe pode ter un futuro moito máis grande do que ten”. 

A portavoz nacional aproveitou a súa visita a Laxe para manter un encontro con representantes da Confraría, tendo en conta que a pesca e o marisqueo seguen sendo sectores moi importantes para a economía local. 

Igualmente, desprazouse até Traba para manter unha xuntanza coa veciñanza sobre a situación de deterioro na que se atopa a lagoa, un asunto sobre o que xa traballou o BNG con distintas iniciativas no Parlamento galego, reclamando á Xunta unha intervención inmediata.