"Toponimízate" chega a Laxe para redescubrir e recoller os nomes da terra e do mar
A campaña "Toponimízate" da Real Academia Galega ofrece o venres 12 de setembro (19 horas) unha charla no Museo do Mar na que o público aprenderá a empregar a aplicación Galicia Nomeada para rexistrar e xeolocalizar nomes de leiras, montes ou petóns
A sesión inclúe un apartado no que se explicará a orixe e o significado de topónimos únicos en Galicia como Soesto, Agravil, Conlle ou Aprazaduiro. Será o coordinador de Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG, o filólogo Vicente Feijoo Ares, o que imparta unha charla na que o público, ademais de aprender a empregar Galicia Nomeada desde o teléfono móbil ou un ordenador, coñecerá a orixe e o significado de nomes como Soesto, Agravil, Conlle ou Aprazaduiro, únicos en toda Galicia. Esta información elabórase coa colaboración do académico de número e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.
A RAG e a Secretaría Xeral da Lingua agardan que a charla anime a participación cidadá deste municipio no proxecto Galicia Nomeada, que ata o momento só achegou 119 microtopónimos do seu territorio, e tamén nos demais concellos da Costa da Morte, que no seu día non foi obxecto da recolla toponímica exhaustiva que se realizou a través do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), activo entre 2000 e 2011.