A Xunta nega un bus para o alumnado de Traba

Imaxe dun bus no polígono de Bértoa

 

Pedía o BNG estas pasadas semanas a Xunta no Parlamento, a inclusión dunha parada de bus na parroquia de Traba para os alumnos e alumnas de Bacharelato e FP que teñen que desprazarse a centros educativos de Baio e Ponteceso. 

Porén, a Xunta respondeu ao BNG que "a creación desta parada incrementaría de maneira significativa a distancia do percorrido, o que se traduciría nun aumento do tempo de viaxe, así como que a empresa de transporte indica a imposibilidade de que o bus puidese efectuar o xiro na zona, debido ao tamaño necesario do vehículo para atender a demanda existente”.

Así o denuncia o BNG, considerando “inaceptable” a resposta remitida polo goberno galego sobre os problemas de transporte que sofre o alumnado de Traba. O grupo da oposición critica que a Xunta "abandona ao alumnado de ensino postobrigatorio de Traba e négase a atopar solucións para garantir o seu dereito ao transporte".

A portavoz municipal dos nacionalistas de Laxe, Cristina Vázquez del Prisco, salientou que “a resposta do Goberno galego parécenos indignante e non ten nada que ver coas necesidades das familias e dos rapaces e rapazas”, e criticou que “a Xunta, lonxe de presentar alternativas, limítase a xustificar a súa negativa alegando un incremento do tempo de percorrido e dificultades de manobra do autobús; porén, non achega ningún informe técnico detallado, non explica que outras opcións estudou e tampouco propón ningunha medida para resolver o problema”.
A voceira nacionalista manifestou que “resulta especialmente grave que unha administración que presume continuamente do seu compromiso co rural e coa loita contra o despoboamento sexa incapaz de garantir un servizo básico para que a mocidade poida continuar a súa formación sen sufrir discriminación por vivir nunha parroquia afastada dos principais núcleos urbanos”.

Irresponsabilidade do Concello

Vázquez del Prisco sinalou que o Concello de Laxe, nun escrito dirixido á Xunta, non especificou os centros de ensino doutras localidades aos que acode o alumnado de Laxe. “Parécenos unha irresponsabilidade que o propio Concello non exprese que os institutos aos que vai a rapazada a estudar son o de Baio e o de Ponteceso; non existe un interese real por parte dos gobernos local e autonómico por solucionar os problemas dos mozos e mozas que viven no rural”.

“A resposta da Xunta está chea de referencias xenéricas ao Plan de Transporte Público de Galicia, ao transporte integrado e ao transporte baixo demanda, pero non ofrece ningunha solución concreta para as familias afectadas; moita propaganda e pouca resposta para quen realmente necesita o servizo”, sinalou a portavoz nacionalista, que engadiu que “desde o BNG de Laxe preguntámonos cal é o sentido de falar de reto demográfico e fixación de poboación no rural cando se lles poñen obstáculos ás familias e á mocidade para acceder a dereitos tan básicos como a educación e a mobilidade”.

Vázquez del Prisco avanzou que seguirán esixindo á Xunta “que abandone as escusas e sente a traballar co Concello de Laxe e coa veciñanza para atopar unha solución viable”. E incidiu en que o alumnado de Traba “non pode ser cidadanía de segunda nin quedar excluído por unha cuestión de vontade política; as familias merecen respostas e solucións, e o que recibiron da Xunta foi unha negativa sen alternativas”.