A oposición ao completo obriga no Parlamento á Xunta a tomar medidas para o porto de Malpica

Panorámica do complexo porto de Malpica-Foto-Fran Varela Saleta Por partida doble estivo esta semana o porto de Malpica no Parlamento Galego. O pasado venres era Loli Toja a que levaba a seguridade no peirao malpicán á comisión de pesca. E onte, tanto a parlamentaria socialista laxeira, como a portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado, e Luís Villares, voceiro de En Marea, levaron o tema ao mesmo Parlamento. Un asunto que ademais é exportable a todos os portos galegos. Ambos partidos lembraron o accidente do Silvosa, para reclamar melloras na seguridade. “Solucións técnicas hainas, querémolas. Nin un morto máis”, reclamou Prado, tras criticar a falta de concreción de prazos por parte da Xunta. “Medidas definitivas” reclamoulle Toja ao goberno galego. “É necesario incrementar a seguridade de xeito inmediato polo que esta obra debe executarse de maneira inminente” declarou Luís Villares. Os tres grupos asumiron, como propios as peticións da carta que a familia do finado patrón do Silvosa. “A súa morte é especialmente dolorosa porque neste caso púidose evitar. A entrada á nosa dársena foi deseñada de tal xeito que se forman a cotío correntes e remuíños que provocan un perigo innecesario todos os días e para todas as embarcacións”, explica a nai do patrón falecido na misiva, quen tamén remitiu un vídeo “de como deben realizar a entrada e a que velocidade para non ficaren atrapados nesta trampa mortal calquera día no que haxa un mar un pouco forte, que como saben son moitos nas cosas costas”. [fbvideo link="https://www.facebook.com/orgullosergalego/videos/857277904433478/?t=1" width="800" height="400" onlyvideo="1"]

O PP asegura que os técnicos “xa traballan en solucións

Ante este ataque en tromba da oposición, á conselleira do Mar, Rosa Quintana, tivo que saír ao paso asegurando que “os técnicos da Xunta están a barallar diferentes melloras na seguridade do porto de Malpica como a rebaixa da canle de acceso na comporta para gañar calado e a eliminación de rebordes que distorsionan as correntes nesa canle”. Ademais, engadiu a titular de Mar, “estase a analizar a influencia que na axitación e correntes podería ter a ampliación do martelo do dique ou a construción dun contradique na zona de terra”. A Conselleira asegurou que “as distintas opcións están a ser analizadas coa participación e coñecemento da confraría malpicá”.

Posibles solucións

O voceiro nacional de En Marea, Luís Villares, despois de reunirse con representantes da confraría de Malpica, apunta que “entre as solucións que apuntan a longo prazo é modificar o sistema de correntes de entrada ao porto o que require necesariamente a construción dun espigón en ángulo a continuación do anterior. Esta actuación non é suficiente”, sinalou o voceiro de En Marea, “xa que é necesario tomar medidas a curto prazo que permitan incrementar a entrada e saída ao porto que se efectúa por medio dunha comporta que ten que ser rebaixada para ao seu tempo rebaixar un escalón que está situado xusto debaixo da mesma e provoca unhas correntes que fan que os mariñeiros teñan que loitar tanto na entrada como na saída coas correntes coas súas embarcacións”.

Monste Prado no Parlamento Galego

Base de Salvamento

A parlamentaria nacionalista, Monste Prado aproveitou para sacar de novo o tema da base de salvamento marítimo de Cee, pechada desde hai catro anos, “arredor de dous millóns de euros malgastados nun heliporto e nunha nave inoperativa e coas instalacións pechadas, ao que hai que sumar os trece millóns de euros da adquisicións dun helicóptero que agora ten a súa base en Santiago a 70 quilómetros da costa, todo un despropósito”, criticou, que demora os tempos de resposta. “Atenda ás demandas que chegan desde Malpica, pero con prazos, e traballe para dotar un salvamento marítimo acorde ás necesidades da nosa frota e dote dunha base operativa na Costa da Morte para salvar vidas”, concluíu Prado.

Máis investimentos

Pola súa parte, a socialista Loli Toja, reclamou “investimentos en sistemas antiafundimento, o cumprimento dos compromisos para sinalizar as bateas e artefactos flotantes que poñen en perigo ás embarcacións, realizar as dragaxes pendentes nos portos e cumprir co Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, que establece a mellora da seguridade como unha das liñas prioritarias de actuación”. Toja reclamou que restauren o millón de euros en saúde e seguridade que había nos orzamentos de 2017 e que foi reducida ata 300.000 euros e que “non van deixar sen executar 6 de cada 10 euros”. Esixiulle ao goberno galego que “tome en serio a seguridade dos galegos e galegas que traballan no mar”.

Loli Toja no Parlamento Galego  

Novas relacionadas