Adrián de Lita, 25 anos ao servizo da veciñanza de Malpica

Adrián Verdes co alcalde de Malpica

25 anos leva, nada menos, Adrián Verdes (ou Adrián de Lita) ao servizo da veciñanza de Malpica como operario de Protección Civil. Unha cifra que non pasa desapercibida nin na vila nin no Concello, onde a corporación quixo facerlle un acto de recoñecemento e entregarlle unha pequena distinción municipal este pasado sábado 1 de maio.

Un recoñecemento a toda unha carreira marcada pola solidariedade, a empatía e a prestación dun servizo esencial para a veciñanza. Nas verbas do propio Adrián, di sentirse “moi orgulloso” de pertencer á agrupación de Protección Civil de Malpica, pobo que “levo e levarei sempre no corazón.”

Pola súa banda, o goberno local destacou a “boa vontade” de Verdes á hora de “ser de axuda e prestar apoio a toda a xente que o necesita, dun xeito completamente altruísta e dedicado cen por cen á causa”, incidiron. “Adrián é un claro exemplo dun cidadán exemplar, que posúe valores que deben servir de exemplo ás novas xeracións.”

O Concello pedirá a medalla de recoñecemento da Xunta para este benefactor da nosa sociedade.