O Ecomuseo do Forno do Forte amplía o seu horario de apertura durante a Semana Santa
O concello de Malpica e diversas entidades da localidade poñen en marcha esta Semana Santa unha gran variedade de actividades. A artesanía ten un peso específico no programa, comezando pola ampliación do horario de apertura do Ecomuseo do Forno do Forte de, que poderá visitarse ata o sábado de 10 a 14 e de 16 a 20 horas, e o domingo de 10 a 14 horas. En colaboración coa asociación Oleira de Buño terán lugar o venres e o sábado as rutas guiadas pola Olería de Buño, que inclúen un percorrido explicativo polos fornos visitables, guiado por Antonio Pereira “O Rulo”, e outro paralelo de fotografía. Tanto o día 14 como o 15 haberá unha ruta de 11:30 a 13:30 horas e outra de 17 a 19 horas.
Pola súa banda, a asociación de redeiras O Fieital ofrece visitas guiadas individuais e para grupos, previa reserva no teléfono 617 695 230. E para quen queira saber máis sobre a vila de Malpica están as rutas temáticas urbanas Tras os pasos de Lugrís (saída da praza Villar Amigo), Balcón das Sisargas (paseo do Caldeirón) e Balcón do porto (Casa do Pescador), con audioguías.
A música tamén estará moi presente na Semana Santa de Malpica, comezando mañá coa 5ª edición da festa da Xuventude, que reunirá ás orquestras New York e Bomba e a discoteca móbil CDC nunha velada que se prevé multitudinaria. O venres haberá sesión vermú no centro da vila con MCarballo Banda, o grupo do ourensán Manuel Carballo, guitarrista e compositor con máis de 30 anos de experiencia, que colaborou con grupos e músicos galegos como Miguel Costas, Cristina Pato ou Magín Blanco, e que presenta agora novo traballo discográfico cun estilo moi persoal. A súa estancia en Malpica prolongarase ata o sábado, cunha nova actuación pola tarde, tamén ao aire libre.
E polo que se refire á celebración relixiosa, o acto central será a procesión do Venres Santo, que sairá ás 20 horas dende a igrexa de San Xulián acompañada pola Banda de Gaitas Malante.