A Asociación Astroturismo forma á comarca para o eclipse

Público na Asociacion Astroturismo en Malpica

Avanza a primavera e o esperado eclips eclipse do 12 de agosto vaise achegando. E a comarca necesita argumentos para recibir aos, parece, milleiros de visitantes que querran ver este único espectáculo natural dende a nosa comarca.

Para formarnos (hostaleiros, monitores starlight, xentes do sector turístico...) a Asociación de Astroturismo da Costa da Morte ten en marcha un plan de formación. Neste caso, co patrocinio do Concello de Malpica, celebrou este 10 de abril unha xornada formativa centrada na preparación. A actividade “Eclipse total, unha oportunidade única: que é como gozalo”, impartida
polo divulgador científico Óscar Blanco, reuniu a arredor de 80 asistentes, dos cales 15 eran monitores Starlight, entre veciñanza e profesionais do sector turístico, nunha sesión participativa orientada a ofrecer coñecementos prácticos para a observación segura deste fenómeno astronómico.

Yolanda Díaz, presidenta da Asoc. Astroturismo Costa da Morte, co ponente Óscar Blanco e a concelleira de Malpica Noelia Freijeiro 

Durante a xornada abordáronse cuestións fundamentais como o funcionamento das eclipses solares, as condicións óptimas de observación na Costa da Morte e as recomendacións básicas de seguridade para a súa contemplación. Así mesmo, púxose en valor o potencial do territorio como enclave privilexiado para o desenvolvemento do astroturismo.

A iniciativa permitiu reforzar a divulgación científica e espertar o interese arredor do ceo como recurso turístico, nun contexto especialmente relevante ante a chegada dun evento astronómico de gran impacto e visibilidade.
Desde a organización realizouse unha valoración moi positiva da xornada, destacando a participación activa das persoas asistentes e o crecente interese polo astroturismo na comarca.