Carmen da Muxiana: 95 anos de viaxe entre Muxía e Malpica
Recuperamos hoxe un fermoso artigo do malpicán Adrián Abella Chouciño, un deses veciños tan implicados no desenvolvemenro municipal actual, como na recuperación da historia da Costa da Morte. Del partiron iniciativas como a de salvar a lonxa vella de Malpica, moi viva estes días. E a través dos propios textos da protagonista recuperados por Abella, recuperamos esta “Historia dunha longa viaxe de Muxía a Malpica desde o ano 1919 ata o ano 2014”, cunha protagonista, Carmen da Muxiana:
Carmen da Muxiana, recordos oídos e vividos por unha Muller excepcional
Carmen, ós 3 anos, chega a Malpica coa súa nai e con 7 dos seus irmáns: José, Manuel, Lola, Joaquín, Ramón, Rosalino e Pilar. O irmán máis vello, Lino, xa marchara antes, do ano 1919, cara ós Estados Unidos de Norteamérica, por non cumprir o “servicio militar”. En Malpica ten Vitorina outros catro fillos: Ana (que xa ven na barriga da nai para Malpica), Arturo, a segunda Ana e o segundo Arturo.
1.- A Muxiana
Vitorina está esperando “a ves” na “Casa de Cachón”. Prefire ir comprar alí; Santiago Cachón ten de todo, é onde hai máis de todo. A de Cadeiro, a de Rogelio Abella, a de Antón das Pardiñas,... hai moito onde escoller para ir comprar en Malpica, pero non hai comparación, como a de Cachón... ningunha. Dos 20 pesos que trouxo de Muxía xa case non queda nada. Un home de fóra non lle quita ollo a Vitorina; ela fai que non sabe quen é pero “conóceo” ben, é “O Arreghañado”, de Corrubedo, que anda á liña e ós angarellos e, buscando peixe, chegou ata Malpica na dorna que está varada na Ribeira.
- ¿Qué querías, Muxiana? – pregúntalle Santiago.
Nos ollos do Arreghañado salta unha chispa. Agora xa sabe quen é a muller para a que tanto miraba, é a muller de “Pepito”, un de Corcubión que casou para Muxía dous ou tres anos antes de que se perdera Cuba. De Camariñas a Aguiño corrérase o conto: disque unha de Muxía marchou da casa cos seus fillos. E non se volveu saber máis do “asunto”.
Vitorina sae e, antes de virar cara Ó Areal, mira para A Rampla; a marea ven para arriba e a dorna do Arreghañado empeza a bandear cos golpiños dun mar case calmo. Na cabeza da Muxiana bandea o pensamento, do “onte” que non quere acordar ó “mañán” que acaba de ver nos ollos do de Corrubedo. ¿E se O Arregañado pasa por Muxía de volta á casa? ¿E se lle vai co conto a Pepito?
Vitorina ten unha irmá na Coruña, servindo. Debeu ser nunha das últimas Festas da Barca cando falaron do “asunto” e Vitorina quedou coa súa dirección na capital. Pepito dáballe unha malleira cada vez que collía unha boa estopa, e Pepito era moi bebedor “de Dios”. Cada ano que pasaba era peor; e cando Lino, o fillo máis vello, escapou cara a Nova Iork fuxindo do “servicio militar”, Vitorina pensou en fuxir ela tamén... cara á Coruña. Xa tiña oito fillos e dous abortos,... e outra criatura no ventre. Gracias ó ceo, o ano anterior a gripe pasou pola casa de Vitorina sen levar a ninguén; ¡cantas caixas brancas con “anxeliños” viron pasar cara ó cemiterio!
En Malpica, os tres fillos máis vellos xa ganan os seus cartiños. José e Manuel ó mar, nos rapetóns; Lola nunha fábrica de salazón.... Ó día seguinte de escapar de Muxía, no mes de setembro do ano anterior, así llo profetizara en Carballo “A Tía Baselisa da Ferrolana”.
Era case mediodía en Carballo. Despois dunha boa camiñada desde Baio, Vitorina deixa ós seus fillos sentados descansando á beira da ferretería da irmá do cura de Buño, onde arranca a saída cara a Malpica. Mentres, ela vai comprar un pouco de pan para calmarlles a fame (nunha casa de labranza de Baio deixáranlle facer noite no palleiro, déranlle o caldo e un pouco de leite para os pequenos). A Tía Baselisa e outras “pescas” viñeran vender o peixe a Carballo, xuntas para vir en compaña como sempre facían, a pé e co paxe á cabeza sobre o mulido.
Aínda quedaba moito para A Coruña. Ían chegar coa noite ben pechada, vai Vitorina pensando... e buscando onde comprar un bo molete de pan. E despois atopar a casa onde servía a súa irmán. E que lle axudara a buscar traballo. E que esta lle encontrara escola onde colocar a Joaquín e a Ramón. E, para poder traballar, Rosalino, Carmen e Pilar, os pequenos, terían que quedar con Lola todo o día. Lola, que ten trece anos, cos nenos; mentres José é Ramón, con 15 e 14 anos xa son uns homiños, terían que poñerse a traballar e saír adiante nalgún oficio. E A Coruña é moi grande, e... aínda queda moito para A Coruña…
Vitorina sae preocupada da Casa de Cachón e vai cara á caseta onde viven, atravesando o carreixo do Areal. Acórdase de Josefa, a súa sogra, que casou alá en Corcubión ós 18 anos e criou 17 fillos. Vitorina está segura que vai poder sacar adiante ás súas oito criaturas sen Pepito. Malpica, que non parecía ser mal sitio para criar ós fillos, estaba ademais lonxe de Pepito. Aínda que tamén estaba lonxe dos seus pais, irmáns e veciñas. Muxía estaba dentro dela e cada vez sentíase máis contenta de virar aquel mediodía cara Malpica, a terra e a xente ¡parécense tanto ás de Muxía! E cando parece que xa non hai para darlle de comer ós fillos, sempre aparecen patacas, algunhas fabas, un pouco de carne de porco, unha libra de fariña,... que lle traen a tía Baselisa, a tía Eulogia, a tía Tarroela, ..., as veciñas que máis poden. O seu “fogar” é unha caseta da tía Lisa das Magías, pegada á Area... cando poida irán para unha casiña da renda.
Xa na caseta, Vitorina “volve” a Muxía; venlle á cabeza a súa irmá xemela que xa tiña tamén unha morea de fillos. María, tivo máis sorte; casou con un de Morquintián, Manuel Conde, que era de terra, primeiro foi labrador e despois lagoeiro. Dende nenas, as “lampinas” gozaban confundindo a todo o mundo. Xa de moi pequeniñas, fartábanse de rir da súa nai cando a Vitorina lle chamaba “María” e a María, “Vitorina”; e tivo que poñerlle un prendedor no pelo a unha delas. Ou cando, de mozos, Pepito se poñía a falar con María e Manuel con Vitorina; elas seguíanlle o conto e ó outro día contábanllo, ¡e que cara de vergonza lles quedaba! ¡Como botaba de menos a María!, sempre xuntas... casaron o mesmo día, quedaron preñadas ó mesmo tempo dos primoxénitos, Lino e Flora, ata romperan traballando o pulso da man esquerda. Manuel era un home do que María non tiña queixa; Pepito, cando bebía, era coma o demo, pero era o seu home... e Vitorina casou nova.
- Pregunteille Ó Arregañado, ¿e como chego a Malpica?
- Atende Pepito, vas dereito cara Sisargas. Ó pasar Sisargas, xa ves cara Sur un monte coma o noso do Corpiño; pois daslle a volta e xa estás en Malpica. O monte ese métese no mar cara Leste “en ves” de cara Norte coma o Monte do Corpiño; pero sonche parecidos.
- Así foi como cheguei, muller; vas ver como todo ha de ir ben.
Como Vitorina non quería saber nada de Pepito, el foi falar con “Don Francisco” que fora mestre en Muxía e xa levaba un tempo facendo escola en Malpica. “Pedíolle” que fose falar con ela, que non ía beber máis, que “as cousas” non serían coma en Muxía.
- Dígalle que non, Don Francisco; os rapaces e máis eu estamos moi ben. Dígalle que non volva por aquí, dígalle que faga o que queira, dígalle que se quere quedar en Malpica que quede, dígalle que se quere marchar, “millor”; pero que non volva a xunta min. Non me pida que o deixe entrar por esa porta, Don Francisco; non mo pida, señor; non mo pida máis.
Pero “Don Francisco” volvía; e Vitorina escoitábao... que era o seu home, que unha familia é unha familia, que podía ter problemas coa “xusticia” por marchar da casa cos seus fillos, que rompía o sagrado sacramento do matrimonio e o cura tamén quería falar con ela... Un día Pepito entrou pola porta e xa nunca se separou del ata que a morte a levou.
2.- Carmen da Muxiana
Fun ver a Carmen pola miña comenencia, debido á súa elevada idade, para preguntarlle polos recordos sobre a Malpica da súa infancia. Quería saber cousas de Malpica, aclarar ideas, resolver dúbidas que me xurdían ó falar con outros veciños maiores, “comprender” fotos de comezos do século XX. Aprendín moito con ela de Malpica... e puden aprender moito máis…
Pero no medio das conversacións empezaron a saír temas persoais, e aí foi cando me “namorei” dela. Ó falarmos de cando era nena ou mociña, cambiáballe a mirada e temblaba de emoción; como se me levase da man ata o ano 1919 ou 25 ou 32 ou 34 ou... Eu nadaba con ela a primeiros dos anos 20 pola Ribeira ata a cetaria de Petraio, e subía a unha pedra que había no camiño, para coller alento... Entraba naquela escola de “Doña Ramona”... Apoiábame no Nil ou na Albarda, tomando o sol ó abrigo do nordés, ó carón de Carmen e do meu pai e doutros xóvenes malpicáns de finais dos anos 20 e comezos dos 30…
Ilusioneime tanto coa súa vida que nas seguintes, e escasas, visitas falamos dela e da súa familia, e así foi como me contou a historia súa e a dos seus tal como ela a oíu e a viviu... No primeiro “capítulo” transcribín o que oíu, o que lle contaron os pais e os irmáns maiores. Agora neste vai o que viviu, os recordos “escritos” pola propia Carmen coa miña man, ata onde me dean permiso Lino e Raquel, os fillos que lle quedan dos catro que trouxo ó mundo. (continuará)
Novas Relacionadas
- Unha colleita de sinaturas para evitar a demolición da vella lonxa de Malpica.
- Unha de tesouros culturais e alma dun pobo mariñeiro.
- Denuncian o abandono do legado de Lugrís en Malpica.
- O último cascadoiro de Malpica.
Fonte
- Recuperación histórica de Adrián Abella.
- O texto é de Carmen Haz Martínez (Muxía, 1916 – Malpica, 2014).
- As fotos son do Arquivo Municipal “Malpica en Fotos”, recopilado e comentado polo veciño Xurxo Alfeirán Chouciño.
- O Plano é propiedade da Libraría do Congreso, dos Estados Unidos de Norteamérica.