Martes. 07.05.2024
El tiempo

O último cascadoiro de Malpica

O último cascadoiro de Malpica
O ultimo cascadoiro de Malpica-Fotos-Adrian Abella

Hoxe, da man de Adrián Abella, traemos un repaso a unha actidade industrial de supervivencia xa extinta na zona, de como se facía as redes antes da chegada do nailon. É aquí a súa interesantísima colleita, cun léxico apaixoante, que realizou coa axuda dos Chucho, Pepe, Moncho... e outros moitos mariñeiros que "mistaron"…

"O último cascadoiro de Malpica"

Antiga embarcacion malpica-Foto-Adrian Abella

O último "cascadoiro" de Malpica no que aínda están á vista os espazos todos, para poder facerse á idea do proceso completo dunha "actividade industrial de supervivencia".

Ata a década de 1960, en Malpica pescábase con redes feitas con fío de algodón. Fai agora 50 anos empezaron a aparecer as redes de perlón e as de nailon, e os CASCADOIROS e máis os campos de redes deixaron de ter uso. "A mista" era unha labor imprescindible para manter os panos de rede en perfectas condicións:

  • Había que ferver casca de pino, ben moída cun pisón de madeira rematado nunha ferradura, en auga doce, durante horas.
  • Ó carón da "caldeira" había un pío onde se baleiraba a auga "tintada" fervendo. A auga saía por un "picho" que comunicaba o fondo da caldeira co pío. Vaciada a auga da caldeira no pío, botábase nel a rede e remexíase ben para que fora collendo a cor da casca.
  • Logo, o aparello, enchoupado de auga fervendo, pasaba a golpe de manivela ó "escurridoiro" (emparrillado de listóns de madeira onde se apousaba o aparello para que lle escorrera a auga).
  • Mentras esto ocorre, vaise fervendo nun pote o "alquitrán" que se emborca logo nun pequeno pío para ir pasando a rede que queda impregnada do chapapote. Sen "mistar" a rede co alquitrán protector, o fío de algodón podrecería co salitre cun só "lance".
  • Máis ou menos próximo ó cascadoiro precisábase un "campo" onde estirar a rede para secar.
Parte do cascadoiro de Malpica-Foto-Adrian Abella

Toda esta labor era preciso facela varias veces ó ano. Por eso a "tarrafa" soía ter tres panos, dous pescando e un na mista e no campo. O pano que había que mistar era substituído polo recén mistado que se "pegaba" o outro pano para "largar".

Antes de ir ó cascadoiro, estricábase a rede no campo para secar e para que se repasasen as averías. En carro de bois ou en grandes carros empuxados polos mariñeiros do barco, chegaba o aparello ó campo, ó que acodían as "atadoras".

Os malpicáns que nacemos arredor do ano 1960 e posteriores anos, só coñecemos ben "O campo do Orientiño", un dos nosos "campos de fútbol" preferidos da infancia.

O finado campo de redes de Malpica-Foto-Adrian Abella

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios