Dimite por motivos laborais o concelleiro de Deportes de Malpica, Iago Espasandín

Iago Espasandín forma parte do goberno de Malpica dende as eleccións de maio de 2015 A imposibilidade de compaxinar o traballo municipal coas súas novas responsabilidades laborais fóra de Galicia motivan a dimisión de Iago Espasandín Varela como concelleiro do Partido Popular en Malpica. No día de onte presentou o escrito de renuncia, que se fará oficial no pleno ordinario do vindeiro día 30. O seu posto no goberno municipal será ocupado por Julio José Vila Díaz, da parroquia de Cambre e gandeiro de profesión, posto que o seguinte na lista, Gabriel Costa García, de Mens, tampouco poderá incorporarse por motivos laborais. No escrito presentado onte, Iago Espasandín explica: “O motivo da renuncia é estritamente profesional, xa que nos vindeiros días incorporareime ao meu posto de traballo fóra de Galicia, facendo totalmente incompatible a miña actividade laboral coa actividade política no concello de Malpica”. O concelleiro de Deportes agradece o apoio dos veciños e veciñas do municipio “que fixeron posible a través do seu voto que chegara a ser concelleiro, algo que sen dúbida sempre levarei con moito orgullo”. Así mesmo, amosa a súa gratitude “ao Partido Popular pola oportunidade de formar parte da lista electoral municipal no ano 2015 e a todos os membros do grupo popular cos que compartín goberno nestes dous anos e medio”, e especialmente agradece “o apoio do alcalde e do primeiro tenente de alcalde en todas as actividades que se levaron a cabo nesta parte do mandato”. Iago Espasandín tampouco esquece ao persoal do concello de Malpica nin a “todas as asociacións, clubs e persoas que colaboraron nesta experiencia e que dun xeito ou outro contribuíron a que tantas actividades e proxectos puidesen saír adiante, pois sen eles sería imposible”. Na súa despedida, Iago Espasandín tamén quere “pedir desculpas polos posibles erros que puidera cometer nestes meses e desexarlle a mellor das sortes ao actual grupo de goberno no que queda de mandato”. Agradecementos O agradecemento e os bos desexos son recíprocos. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, lamentou que Iago Espasandín abandone o seu posto da corporación, “pero o primeiro é o primeiro, e entendemos que agora ten que facer fronte ás súas novas responsabilidades laborais, nas que lle desexamos moitos éxitos e toda a sorte do mundo”. O alcalde agradeceu o traballo desenvolvido polo concelleiro de Deportes e Urbanismo desde as áreas que xestionou ao longo de todos estes meses, e manifestou o seu desexo de seguir contando co seu apoio desde a militancia no Partido Popular e desde o compromiso que, como ten demostrado, ten adquirido co concello de Malpica e cos seus veciños e veciñas.

Novas relacionadas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Concello de Malpica