O GALP promove o peixe fresco cunha campaña nos Centros de Saúde e Peixerías de Bergantiños
Baixo o lema “Alimentos do Mar, alimentos de Vida”, o proxecto Pesca Saúde instalará puntos de información móbiles en Carballo, Malpica e A Laracha para amosar o beneficios dos produtos do mar na saúde e coñecer as súas propiedades nutricionais, e ofrecer
degustacións de produtos do mar elaborados por profesionais da restauración nunha “foodbike”. Nestes espazos repartiranse ademais guías de propiedades nutricionais e hábitos de alimentación saudables, e vales desconto para consumir nos establecementos adheridos á campaña.
Os eventos celebraranse no exterior dos centros de saúde, en horario de 11 a 13 h, o martes 28 (Carballo), mércores 29 (Malpica) e xoves 30 (A Laracha) . Estas actividades completaranse cunhas Xornadas Técnicas que se anunciarán proximamente, na que unha
experta do ámbito sanitario en endocrinoloxía e nutrición expoñerá os beneficios do consumo de produto pesqueiro na saúde e o benestar.
Campaña nas peixerías
As peixerías terán tamén un papel protagonista partir do 15 abril. Será entón cando os puntos de venda comecen a aceptar os vales de desconto de 5€, aplicables directamente na compra, que se repartirán entre a poboación nos eventos a celebrar nos centros de saúde.
Ademais, entre o 15 de abril e o 30 de xuño, todas as persoas que reúnan tiques de compra nos establecementos adheridos por un valor total de 60€ ou máis (poden acumularse varios tiques), participarán no sorteo dunha degustación para dúas persoas nun local de hostalaría.
As peixerías participantes estarán identificados co distintivo oficial da campaña.
Próximas actividades: Restauración e obradoiros
O seguinte obxectivo do proxecto será o sector da hostelaría, outro dos puntos onde se quere promover a escolla de produto do mar de proximidade. Con este sector traballarase no deseño de menús saudables adaptados a cada restaurante, baseándose sempre en produtos pesqueiros locais e de tempada.
Tamén neste ano, se celebrarán os obradoiros de ‘Batchcooking’. O Batchcooking é unha forma de organizar a cociña da semana: consistente en preparar nun mesmo momento varias elaboracións ou bases que despois se poden combinar e reutilizar en diferentes comidas. Estes obradoiros acompañaranse da publicación dun receitario, que tamén estará dispoñible na web do proxecto.