O GDR Costa da Morte organiza sesións informativas sobre as axudas do programa LEADER PEPAC 2023-2027 en Buño e Vimianzo

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte celebrará os vindeiros días dúas sesións informativas dirixidas a persoas emprendedoras, empresas, asociacións e entidades públicas interesadas nas axudas do programa LEADER PEPAC 2023-2027, impulsado no marco da Política Agraria Común para fomentar o desenvolvemento sostible no medio rural galego.

As xornadas desenvolveranse nas seguintes datas e localizacións:

  • Luns 12 de maio, de 18:30 a 20:30 h, no Centro Comarcal de Bergantiños en Buño (Malpica).
  • Mércores 14 de maio, de 18:30 a 20:30 h, na Casa da Cultura de Vimianzo.

Durante estas sesións darase a coñecer o funcionamento do programa, os requisitos para acceder ás axudas, os criterios de valoración dos proxectos, os prazos e procedementos de solicitude, así como aclaración de dúbidas sobre posibles iniciativas que poden optar ao financiamento.

O obxectivo destas accións é achegar o programa LEADER ao tecido social e económico do territorio, promovendo proxectos que impulsen a diversificación da economía rural, a mellora da calidade de vida e dos servizos á poboación, a conservación do patrimonio e o emprendemento.
A asistencia é libre e gratuíta.

Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a web oficial do GDR Costa da Morte: www.gdrcostadamorte.com