Laura Veiga educa á mocidade na sexualidade sen tabús no seu novo libro

Laura Veiga en Zas - Foto-Lorena Blanco copia

Non é costeira de nacemento, pero xa é filla adoptiva de Malpica, vila onde reside dende hai anos. Laura Veiga é xornalista, sexóloga e divulgadora científica, e leva dende 2020 falando na súa canle de IG @pingando-gal, sobre educación sexual e menstrual. Ademais de divulgar en redes sociais, tamén imparte obradoiros para crianzas, adolescentes, familias e profesorado en centros educativos, asociacións e demais entidades similares.

Ten participado en encontros de divulgación científica como Coruña Comunica Ciencia, o concurso de monólogos Ciencia Calidade ou os encontros de Escépticos no Pub, pero agora, despois de escribir varias guías didácticas para traballar o 8M ou o 25N a nivel infantil, lánzase co seu meu primeiro libro: O mapa da túa sexualidade, editado por Xerais e ilustrado por María Montes.

Trátase dun álbum ilustrado dirixido a crianzas de entre 10 e 12 anos no que nos propón un percorrido pola sexualidade dende un enfoque próximo e accesible, pensado especialmente para acompañar procesos de autocoñecemento e educación sexual sen tabús.

Segundo nos conta, “o libro xorde porque había unha necesidade na literatura infantil e xuvenil galega, que era tratar a sexualidade de forma próxima e accesible para as crianzas”, explícanos.

”É un libro para un público de 10 a 12 anos, aínda que dependendo do desenvolvemento de cada crianza pode chegar a estirarse un par de anos máis; e nel se tratan temas que forman parte da sexualidade no seu sentido máis amplo: o corpo e as características que conforman o que somos, a identidade que fai que cada persoa sexa única, o xénero e a orientación sexual, os cambios na adolescencia -incluíndo o ciclo menstrual e a espermarquia-, a intimidade e a autoestima, o desexo, o pracer e as relacións interpersoais, incluíndo as redes sociais”.

Por que é necesario?

”É habitual que cando falamos de sexualidade pensemos que é cousa de persoas adultas, que chega con que as crianzas aprendan sobre reprodución e máis adiante xa saberán o resto; pero a realidade é que a educación sexual é algo que debe construírse día a día. Cando conseguimos que as crianzas vexan a sexualidade como algo natural que forma parte de cada persoa e como algo co que se pode experimentar e xogar, en lugar de velo só como unha fonte de perigos, conseguimos tamén persoas adultas capaces de relacionarse mellor tanto consigo mesmas como coas persoas que están na súa contorna, de forma moito máis segura e aberta. Cando falamos de sexualidade, centrámonos moito nas relacións e ás veces esquecemos o coidado persoal e o autocoñecemento”, relata.

Ademais, toda a información que hai no libro vai acompañada dunhas ilustracións fermosas feitas por María Montes que fan que todo encaixe aínda mellor e que sexa un libro aínda máis accesible e divertido para as crianzas. “Ao longo do libro faise un percorrido polas distintas zonas que compoñen o mapa persoal, o mapa da sexualidade, polo que queríamos que as ilustracións acompañaran esta idea de xogo, exploración e natureza. María fixo un traballo marabilloso para facer todo aínda máis doado de entender, enchendo ademais as páxinas de pequenos detalles que marcan a diferenza”, agradece.

Máis novas