"As limpezas dos fondos mariños son fundamentais para facer a parte máis urxente"

4 quilos de baterías recuperaron os mergulladores do fondo do porto de Malpica

”Fan falta estas limpezas, primeiramente para facer a parte máis urxente, retirar o lixo que xa chegou ao mar. E tamén para concienciar á xente de que temos que cortar este fluxo de lixo que está chegando a todas partes, e que finalmente remata no mar”.

Quen fala é Antonio Castro, un dos promotores da limpeza do fondo mariño do peirao de Malpica realizada esta fin de semana. Castro forma parte da Asociación Chelonia, ONG internacional que traballa en todo o país e que artellou esta, a segunda limpeza no peirao malpicán, nun proxecto que se chaman “Mares Circulares”, que está impulsado por Coca Cola en España e Portugal.

A sesión contou coa colaboración de voluntarios, sobre todo de Buceo Malpica, que puxo os medios, e do Concello de Malpica. Finalmente foron 14 mergulladores e 7 persoas en terra facendo a clasificación do lixo recollido. O proceso está perfectamente organizado: os mergulladores levan unhas bolsas de rede para ir apañando as cousas; esas bolsas eran recollidas en lancha, e a embarcación, subía ao porto onde os voluntarios de terra clasifican o lixo para enviar aos contedores.

Entre o lixo sorprende ver a cantidade de pilas recollidas… Pero tamén recolleron nasas, neumáticos, mangueiras, bastantes pilas, botellas, unha grapadora, unha lona, dúas sillas plegables…

Máis limpezas


Lixo recollido dos fondos da Coruña

A xornada tivo coincidiu ademais con outras semellantes, como a celebrada no marco Festival Mar de Mares da Coruña, onde ademais puxeron o seu posto informativo as Redeiras Illa da Estrela de Corme (para vender as súas creacións) e Mar de Fábula. Ducias de mergulladores recuperaron dos fondos mariños quilos e quilos de lixo.

Tamén en Muros organizouse unha actividade semellante, sempre da man de entidades voluntarias e asociacións, e case nunca da man das administracións…

Novas relacionadas