Malpica recibiu unha delegación de estudantes bretóns que están de intercambio no IES Urbano Lugrís

O Concello de Malpica celebrou esta mañá unha recepción á delegación de estudantes da Bretaña francesa que están a realizar un programa de intercambio no IES Urbano Lugrís.
No acto, o rexedor, Eduardo Parga e a edil de Educación, Cultura, Patrimonio e Deportes, Noelia Freijeiro, recibiron na sala de plenos da casa consistorial aos mozos e mozas que integran a expedición gala. Logo de dito encontro no concello, realizouse unha visita guiada á Casa do Pescador, grazas á colaboración da Cofradía de Pescadores de Malpica, na que estiveron acompañados dos seus mestres, dos alumnos e alumnas malpicáns cos que se intercambian e Sara Gómez e Isabel Pérez Serra, profesora e directora do IES Urbano Lugrís, na que puideron coñecer a obra de Urbano Lugrís.

O alcalde, Eduardo Parga, sinalou que “ogallá este sexa o primeiro de moitos intercambios, pois a través destas iniciativas promóvese un intercambio cultural moi enriquecedor para o estudantado”. Ademais, tamén desexou que “os nosos e as nosas visitantes desfruten da súa estadía e de todo o que Malpica ten para ofrecerlles”.