Malpica lanza un programa un verán cultural na rúa

Este verán toca modificar o plan festexeiro e cultural do verán. O Concello de Malpica, a través da concellaría de Cultura cambia verbena polos ‘Seráns na Rúa’, en diferentes ubicacións, pero sempre ao aire libre.

Despois da proxección do filme ‘María Solinha’ a comezos deste mesmo mes, virán unha marea de actividades. A primeira, este vindeiro sábado, 18 de xullo con ‘A gran viaxe’ de Iventi Teatro na rúa Eduardo Vila Fano.

O 25 de xullo, o Día de Galicia, haberá un pasarrúas con ‘A danza dos paxaros’ a cargo de Urdime, e agosto comezará no seu primeiro día coa obra de Ghazafelhos ‘A illa sen tesouro’, na rúa Eduardo Vila Fano.
O 8 de agosto, darase cita na praza do Campo O Cardume, de Xarope Tulú e o 15 de agosto, Mamá Cabra executará o ‘Eu cociño, ti cociñas?’ na rúa Eduardo Vila Fano. O penúltimo espectáculo correrá a cargo de Magín Blanco o 22 de agosto con ‘Magín Blanco e a banda das apertas’ e pechará este ‘Seráns na Rúa’ o 29 de agosto co pasarrúas de Fantoches Baj, ‘O folión do Zampón’.

As actuacións serán todas ás 20:30 horas e en caso de choiva serán trasladadas ao Mercado Municipal ou ao Centro Cívico, segundo o formato de actuación.