Malpica reactiva a paralizada Agrupación de Voluntarios de Protección Civil

Nova xuntanza dos voluntarios de Protección Civil de Malpica

Non tardaron en suceder as primeiras consecuencias da saída de Alfredo Cañizo do goberno malpicán. O alcalde, Walter Pardo, convocou unha asemblea coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Malpica para comezar a súa reactivación, despois de moito tempo de parálise.

Uns voluntarios que é certo se sentiron algo “abandonados” polo edil non adscrito, pero que queren volver traballar polo ben da veciñanza, como levan facendo dende a súa fundación, en 1996.

Segundo explicou o rexedor malpicá, “a agrupación ofrécelle un servizo á veciñanza de enorme importancia que non vai quedar sen o apoio institucional do Concello”. Neste sentido, adiantou que se está a traballar de xeito “conxunto para reactivar a formación e seguir actuando en Malpica cando o pobo así o requira”.