Malpica xa ten o seu "Mar de Camiños" nun mapa

Imaxe da Presentación do Mapa Turístico de Malpica "Un mar de Camiños"

Este pasado xoves a Casa do Pescador acollía a presentación do mapa turístico “Malpica de Bergantiños. Un mar de Camiños”, dos que xa hai 500 exemplares na rúa. Por agora poden atoparse nos establecementos hostaleiros e na oficina de turismo.

Na presentación estiveron o alcalde da vila Eduardo Parga, ademais dos autores do mesmo, os especialistas en cultura e turismo Xosé Manuel Varela Varela, Xurxo Alfeirán, Tino Gómez Blanco e Rocío Romar Roel, que xa forman o grupo "Un mar de Camiños". Todos destacaron que se trata dun mapa con triplo destinatario: a veciñanza, os escolares e, como non, os visitantes.

Un mapa que serce para que descubrirlle aos visitantes que as terras de Malpica teñen "un mar de camiños" que percorrer e visitar, coa intención de lograr unha maior permanencia no territorio.

Ademais, cómpre sinalar que no mapa hai un tratamento igualitario dos recursos patrimoniais e turísticos de todas as parroquias do concello.

Finde de curtas

E Malpica está que ferve polo verán. Esta fin de semana, conta co Festival de Curtametraxes Vai no Mar, con 3 noites de cine.

Semana para os cativos

O vindeiro luns 24 arrancará a cuarta edición de “Pintar na rúa”, un proxecto de rexeneración urbana que ten a particularidade de que son os nenos e as nenas os que traballan, dirixidos por profesionais das artes plásticas. Despois do éxito do ano pasado, este ano a monitora do obradoiro será a carballesa Laura Tova, que forma parte do colectivo artístico Crea Formas e que ten participado en proxectos como Derrubando Muros con Pintura.

Este verán os participantes seguirán enchendo de cor os muros da vila, pero nesta ocasión traballarán no parque infantil da rúa Patria Galega desde o 24 de xullo ata o 7 de agosto, divididos en dous grupos en función das súas idades. O obradoiro vai destinado a nenos e nenas de 6 a 14 anos, e aínda quedan tres prazas dispoñibles. As familias que queiran máis información ou inscribir aos seus fillos e fillas teñen que dirixirse ao departamento de Educación, Cultura e Turismo, situado no primeiro andar do Centro Cívico, ou chamar ao 981 707 104.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).