O concello de Malpica renova a súa páxina web

Na nova web do concello de Malpica o turismo adquire protagonismo Cada vez son máis as institucións que coidan a súa imaxe corporativa. Un exemplo recente foi o concello de Vimianzo cun logo totalmente renovado. Hoxe tocalle o turno ó concello de Malpica de Bergantiños que vén de presentar a súa nova páxina web, un portal institucional totalmente renovado en canto a imaxe e contidos, máis transparente coa cidadanía, cun destacado protagonismo do turismo e responsive, polo que é accesible desde calquera dispositivo móbil, satisfacendo deste xeito a crecente audiencia a través de smartphones e tablets. A nova web - www.concellomalpica.com - presenta un cambio importante na estrutura da información co obxectivo de facilitar a navegabilidade do usuario. Ademais, o portal responde ao principio de transparencia. Como novidade, os veciños e veciñas poderán consultar na sección "Concello" a información relativa ás Concellarías e á Corporación municipal. Tamén terán acceso a todas as actas dos plenos e Xuntas de Goberno Locais xeradas desde o ano 2015. Así mesmo, a web conta cun “Perfil do Contratante”, con acceso directo ao perfil do concello de Malpica na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.
Os veciños e veciñas teñen a oportunidade de contactar co alcalde a través da web Liña directa co alcalde Outra das novidades importantes é o “Fala co Alcalde”, un apartado no que os usuarios poden deixar o seu comentario ao alcalde, Eduardo J. Parga, a través dun formulario de contacto. Desta forma, os veciños de Malpica poderán axilizar as súas consultas e ter un trato máis directo co seu rexedor. A actualidade ocupa un lugar destacado na nova web. Con só acceder á portada da mesma, o usuario pode ler as últimas novas do Concello e coñecer cales son os vindeiros eventos que terán lugar. Facendo clic na axenda, o visitante atopa un calendario mensual, onde de forma moi clara e visual aparecen todos as citas que ofrece Malpica de Bergantiños. O mantemento será continuo para que os cidadáns poidan seguir a información do seu municipio. Portal turístico
A categoría de Turismo pretende posicionar a vila marineira como destino turístico Desde a páxina do Concello pódese acceder á nova web de turismo de Malpica. Esta ofrece contidos en tres idiomas (galego, español e inglés), sendo tamén facilmente navegable e accesible desde calquera dispositivo móbil. Destaca polo seu atractivo deseño e polas súas imaxes de gran calidade. O portal www.concellomalpica.com/turismo nace para posicionar na rede a vila mariñeira como destino turístico. Co propósito de mellorar a promoción de Malpica en Internet, o concello lanza unha web que recolle información sobre os recursos turísticos máis salientables do municipio, así como unha completa e visual galería multimedia con fotografías actuais e antigas e os vídeos realizados para o proxecto de dinamización turística "Malpica. O mar das Sisargas". En canto á arbore de contidos, destaca o catálogo das dez praias da costa malpicá xunto cunha selección de puntos turísticos imprescindibles para quen se achegue a Malpica. Deste xeito, na sección "De visita" os usuarios poderán atopar información sobre o faro de punta Nariga, os muíños da Ribeira e o dolmen de Pedra da Arca, recursos para os que o Concello acaba de mellorar a sinalización e os seus paneis informativos. Un protagonismo especial adquire a Olería de Buño, onde se enlaza ás webs xa existentes do Ecomuseo Forno do Forte e da Mostra da Olería. Ademais, a sección ofrece unha completa guía cos obradoiros e coas tendas da vila oleira. Sección multimedia Entre as novidades destaca a sección "Multimedia", que por primeira vez permite coñecer de forma audiovisual o municipio: galerías con fotografías da costa, do interior e da Malpica antiga; vídeos que invitan a gozar do litoral; audioguías con moita historia por contar, e mapas descargables para facer máis fácil a experiencia de visitar Malpica de Bergantiños. Entre os contidos de utilidade da web atópase unha completa guía turística, unha relación dos locais hostaleiros onde o visitante pode durmir, comer ou mesmo tomar algo. Tamén se ofrece o contacto das empresas de turismo activo e os museos da vila. Por último, e co obxectivo de potenciar as rutas polo municipio, a web conta cunha selección de cinco percorridos, entre os que destacan a Ruta dos Faros, cuxa primeira etapa transcorre polo litoral malpicán desde o porto ata Niñóns (Ponteceso), e a Ruta dos Pinos no Mar, un sendeiro ao longo da costa ata a praia das Torradas. Percorridos máis curtos son a ruta de Malpica a Santo Hadrián, Tras os pasos de Lugrís e O balcón das Sisargas. As dúas últimas forman parte do proxecto turístico "Malpica. O mar das Sisargas". Trátase de rutas pola vila guiadas a través de placas QR, que convidan a descubrir máis sobre o pintor Urbano Lugrís e a natureza das illas Sisargas.   Novas relacionadas Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)
  • Concello de Malpica