O PP de Muxía esixe que o concello se una ao programa de vixilancia e control da vespa velutina

A consellería de Medio Rural indica que no municipio muxián existen entre 26 e 100 niños de vespa velutina Tras comprobar unha "importante presenza" da vespa velutina no municipio de Muxía, o Partido Popular local - encabezado por Sandra Vilela - presentou onte no rexistro municipal unha moción na que urxe ao executivo local a unirse como concello colaborador ao programa de Vixilancia e Control da Vespa Velutina posto en marcha pola Consellería de Medio Medio Rural da Xunta de Galicia. Precisamente esta institución indican que o número de niños desta especie detectados no municipio son entre 26 e 100. “O feito de non estar integrado neste programa dificulta a eliminación desta praga e impide que os veciños poidan beneficiarse dun servizo gratuíto que pon ao dispor de todos os concellos a Xunta de Galicia”, afirmou Vilela. Neste sentido, a portavoz dos populares lembra que, na actualidade, son xa 42 os concellos da provincia da Coruña os que decidiron formar parte deste programa como municipios colaboradores e só 25 os que seguen dependendo da Consellería de Medio Rural. “Está demostrado que a xestión directa por parte de cada concello axiliza a eliminación destes niños e evita esperas innecesarias para os veciños”, explicou Vilela, quen asegurou que non existe “ningún motivo de peso” que xustifique que o executivo local non aprobe a moción que o grupo popular levará ao próximo pleno municipal.

Novas relacionadas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • PP de Muxía