Piden a recuperación do horario completo do servizo no Centro de Saúde de Buño

Imaxe da reunión Parroquial do PSOE no Teleclub en reformas de Buño

O Centro Médico de Buño vese afectado por unha redución do servizo de medicina de familia, segundo se recolle en diversas queixas de usuarios e usarias. Actualmente, a atención préstase únicamente de 9:00 a 11:00 horas, en contraste co horario habitual que ía de 8:00 a 14:00 horas. 

Ademais, non se están asignando citas con máis dun mes de antelación e as urxencias derívanse aos hospitais, dado que no P.A.C. de referencia, en Carballo, o servizo de Urxencias non comeza ata as 15:30 horas. 

Así o denuncia o PSOE de Malpica, que critica "a falta de compromiso, tanto por parte da Xunta de Galicia coma por parte dos gobernantes do noso concello" e anuncian que emprenderán varias accións co fin de que se restableza o servizo médico coas mesmas condicións que antes: 

  1. No pleno ordinario do 29 de xaneiro presentarán unha moción instando á Xunta de Galicia a restablecer o servizo médico en Buño. 

  1. Se non se restablece o servizo de medicina de familia, o grupo parlamentario do PSdeG-PSOE fará unha reclamación na seguinte Comisión de Sanidade da Xunta de Galicia. 

  1. Se tras 7 días de presentada a moción no pleno non se restablece o servizo anterior, proporán á veciñanza realizar unha recollida de firmas de protesta.