O PSOE denuncia o colapso urbanístico do Concello malpicán
O Grupo Municipal Socialista de Malpica denuncia "a situación límite que atravesa o servizo municipal de Urbanismo, no que existen expedientes de licenzas que acumulan máis de 2 anos de espera sen seren resoltos". "Un atraso absolutamente inaceptable que está a ocasionar graves prexuízos económicos aos veciños e veciñas do municipio", entende o voceiro da oposición, Walter Pardo.
Durante anos, a tramitación das licenzas urbanísticas estivo externalizada nunha empresa privada, ante a falta de medios propios, pero agora que finalmente se cubriu a praza de arquitecto municipal, desde o PSOE de Malpica preguntan se "esta incorporación permitirá mellorar realmente a situación urbanística do municipio e que medidas adicionais prevé adoptar o goberno local para poñer fin a unha demora que xa resulta insostible".
"As persoas que solicitaron unha licenza hai máis de dous anos comproban como, cando finalmente poden iniciar as obras, os orzamentos xa non teñen nada que ver cos calculados inicialmente", lembran. "O incremento do prezo dos materiais e da man de obra provocou que numerosos proxectos se encarecesen entre un 30 % e un 40 %. Trátase dun importante sobrecusto que as familias, os autónomos e os negocios locais se ven obrigados a asumir como consecuencia directa das demoras na tramitación administrativa".
“A nefasta xestión urbanística do PP tradúcese en máis gastos para as familias, máis atrasos e máis incerteza. Mentres o Concello deixa pasar os meses sen resolver os expedientes, son os cidadáns os que teñen que asumir o incremento do custo das súas vivendas, reformas ou proxectos empresariais”, sinalan desde o Grupo Municipal Socialista.
“Non abonda con cubrir unha praza. O que importa é que o servizo funcione e que se produzan resultados. A día de hoxe, a acumulación de expedientes e os atrasos de máis de dous anos evidencian o fracaso da política urbanística do goberno municipal do PP”, sosteñen os socialistas.