Tras 24 anos, os veciños de Cerqueda recibirán antes do verán os títulos da concentración parcelaria

”Non era sen tempo”, pensan os veciños de Cerqueda que levan tantos e tantos anos esperando por saber cales son as súas propiedades. A Concentración Parcelaria da parroquia malpicá leva extendéndose no tempo, pero onte deu un paso moi importante. As técnicas de Medio Rural desprazábanse a Malpica para recoller a documentación dos titulares das parcelas. Ata 400 veciños presentaron as súas credenciais.

Así, unha vez rematado o proceso de recompilación de documentación que se levou a cabo ao longo desta semana, o acto oficial de entrega dos títulos podería realizarse xa no mes de abril en Malpica, sempre antes do verán.

24 anos de proceso

O proceso de concentración parcelaria na parroquia de Cerqueda iniciouse no ano 1992 e afectou a unha superficie de 793 hectáreas. Das 4.585 parcelas iniciais pasouse ás 1.849 actuais, que teñen unha superficie media de 3.700 metros cadrados. A Consellería de Medio Rural investiu preto de 1,8 millóns de euros para a asistencia técnica e as obras, que consistiron, por unha banda, na realización dos servizos técnicos para a investigación da propiedade, levantamentos topográficos e confección de planos parcelarios, clasificación de terras e acondicionamento de fincas e, por outra, no deseño e creación dunha rede axeitada de camiños principais e secundarios que permiten o acceso ás novas fincas e o tránsito de máquinas agrícolas.

A regulación e ordenamento do novo deseño das fincas permite acadar unha mellor capacidade de aproveitamento da terra e supón un mecanismo dinamizador para a economía local.

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).