Unha balea lugrisiana en homenaxe a Paco Souto

Fermosa esta iniciativa do proxecto Pintar na Rúa que un ano máis permite crear dun muro un espazo cultural para que os cativos poidan disfrutar da pintura, do grafiti. Este ano, os nenos e nenas de Malpica conseguiron crear unha lenda propia a través dunha figura tan lugrisiana e malpicá como a balea. O debuxo do mural que pode verse xa no parque infantil da Rúa Patria Galega converte a balea nunha especie de illa “enriba da que se forma un país, unha cultura, unha forma de vivir”. Así o explica a ilustradora carballesa Laura Tova, autora do deseño e monitora do obradoiro que se veu impartindo desde o 24 de xullo.

O proxecto de rexeneración urbana promovido pola Concellería de Educación, Cultura e Turismo tamén inclúe a homenaxe da autora e dos participantes “ao amigo” Paco Souto, que dalgún xeito foi inspirador do mural. De feito, o seu poema “A percebeira é unha illa” dá título á propia pintura.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).