Un verán de obradoiros no Ecomuseo Forno do Forte de Buño

O Ecomuseo Forno do Forte acollerá durante as tardes deste verán obradoiros de barro abertos para todas as persoas que se queiran achegar ás instalacións en Buño.

As actividades formativas comezarán o día 1 de xullo e estenderanse ata o 31 de agosto. As clases estarán limitadas a un máximo de 15 persoas á vez. Impartiranse de martes a sábado de 16:30 a 18:30 horas.

O taller está organizado conxuntamente pola concellería de Olería de Malpica e a Deputación da Coruña, ademais do propio Ecomuseo Forno do Forte. Segundo explicaron dende o goberno local, trátase dunha actividade coa que “dinamizar o tránsito de persoas polo recinto e seguir aproximando a olería e o traballo co barro á sociedade”.

O Concello de Malpica ten habilitado o teléfono 981 71 15 20 para máis información. Atenderanse chamadas de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.