A XVII Festa Galega encherá de música tradicional o porto de Malpica os días 14 e 15 de agosto

Imaxe da Festa Galega nunha edición anterior

Coa Mostra de Olería no horizonte máis cercano, Malpica presentou a programación da XVII Festa Galega, unha das citas máis destacadas do calendario cultural do verán, que se celebrará os días 14 e 15 de agosto no recinto do Travelift, no porto de Malpica.

Durante dúas xornadas, a música tradicional e de raíz será a protagonista cun cartel que combina agrupacións folclóricas e artistas de referencia da escena galega actual.

A programación dará comezo o venres 14 de agosto ás 21:30 horas coa actuación da AC Raigañas (Vilatuxa e Baralloas). Ás 22:00 horas será a quenda da ACD Carcaxía (Meigallo e Riola), continuando ás 22:30 horas con Unto Vello. A primeira noite rematará ás 23:40 horas coa actuación de Radio Cos.
O sábado 15 de agosto abrirá a programación musical ás 22:00 horas coa AC Malante (Os Gaiteiros das 11). Ás 22:30 horas actuará Do Rivés, mentres que Mondra será o encargado de pechar esta décimo sétima edición da Festa Galega cun concerto previsto para as 23:30 horas.

Coincidindo con esta celebración, Malpica acollerá tamén a XIII Feira Mariñeira, que se desenvolverá do 14 ao 16 de agosto na rúa principal da vila, cun amplo programa de actividades, animación, artesanía e gastronomía, convertendo o municipio nun referente do lecer e da cultura durante esa fin de semana.