A Xunta ofrece apoio a un proxecto viable para a fábrica de Calvo en Esteiro

Planta de Calvo en Esteiro, Muros O peche da conserveira Calvo en Esteiro  chegou onte ao Parlamento galego. Alí, a conselleira do Mar - Rosa Quintana -indicou - tal e como fixo días atrás - que a Xunta apoiará calquera proxecto viable para a planta de Esteiro. Nesta liña, especificou que defenderá todas aquelas iniciativas viables que veñan da man dunha nova empresa ou da propia acción dos traballadores e que redunden en beneficio do emprego na industria conserveira da comunidade. Rosa Quintana adiantou que neste cometido a Xunta ofrecerá todo o apoio a un proxecto viable a través dos servizos e dos programas de axuda e financiamento existentes. Isto farase, dixo a conselleira, “sen deixar de verificar o cumprimento das condicións do traslado”. Neste aspecto, engadiu que “brindamos este apoio sabedores de que a conserva é un sector estratéxico e clave para Galicia no eido do emprego”. Recordou a decisión maioritaria das arredor de 100 persoas que traballan en Esteiro e que o pasado 3 de novembro se manifestaron a favor de negociar o traslado, o que hai que ter en conta, máxime cando se deben barallar as condicións ofertadas pola empresa e as demandas dos propios traballadores e traballadoras. Así expuxo que se debe considerar especialmente, entre outros aspectos, o compromiso de recolocación de todos os empregados na planta de Carballo.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).
  • Consellería do Mar