As mariscadoras de Corcubión volven recoller berberecho dous anos despois

Imaxe de 2009 das mariscadoras de Corcubión traballando en Cee

Despois de dous anos, esta semana volveron as mariscadoras de Corcubión a recoller berberecho na ría de Corcubión e Cee. A pasada semana saíron ben as analíticas que obrigan a pechar a ría, catalogada zona C polos eternos problemas de saneamento, polo que 10 das 11 mariscadoras da confraría corcubionesa que seguen en activo, puideron traballar. “A xente está contenta, pero a ver cando aguantamos, un mesiño ou dous, polo menos esperamos poder traballar, pero é que dende o Prestige apenas se abriu un par de veces”, recoñece unha das mariscadoras.

O berberecho é unha das fontes históricas máis importantes da zona, e lembran cando aló polos anos 90, cando se regularizou o sector, chegaron a ser 80 persoas traballando. Dende entón, e por mor dos problemas, só quedan 11 en activo, pelexando e colleitando todo o que se pode: mexilla, ameixa (pode ir para a depuradora en Ferrol), poliqueto ou a alga, a pesar de que este ano non houbo moita.

Estes días o berberecho está alcanzando bos prezos da subasta da lonxa corcubionesa, e estivo vendéndose a compradores de Pontevedra. Esperan que se a ría permaneza aberta que poidan vir máis compradores e que se alcancen aínda mellores prezos na subasta.

Imaxe das Mariscadoras de Corcubión en 2005

Novas relacionadas

  • Carmen, a mariscadora de Quilmas.
  • Calafateando: Diario dunha mariscadora.
  • As mariscadoras salvan o seu mar da Basa.
  • Unha ría eternamente pechada.
  • Fonte

    • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).