As mariscadoras de Corcubión volven recoller berberecho dous anos despois
Despois de dous anos, esta semana volveron as mariscadoras de Corcubión a recoller berberecho na ría de Corcubión e Cee. A pasada semana saíron ben as analíticas que obrigan a pechar a ría, catalogada zona C polos eternos problemas de saneamento, polo que 10 das 11 mariscadoras da confraría corcubionesa que seguen en activo, puideron traballar. “A xente está contenta, pero a ver cando aguantamos, un mesiño ou dous, polo menos esperamos poder traballar, pero é que dende o Prestige apenas se abriu un par de veces”, recoñece unha das mariscadoras.
O berberecho é unha das fontes históricas máis importantes da zona, e lembran cando aló polos anos 90, cando se regularizou o sector, chegaron a ser 80 persoas traballando. Dende entón, e por mor dos problemas, só quedan 11 en activo, pelexando e colleitando todo o que se pode: mexilla, ameixa (pode ir para a depuradora en Ferrol), poliqueto ou a alga, a pesar de que este ano non houbo moita.
Estes días o berberecho está alcanzando bos prezos da subasta da lonxa corcubionesa, e estivo vendéndose a compradores de Pontevedra. Esperan que se a ría permaneza aberta que poidan vir máis compradores e que se alcancen aínda mellores prezos na subasta.
Imaxe das Mariscadoras de Corcubión en 2005Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Redacción de QPC ([email protected]).