A semana pasada varios barcos vascos pescaron xardas en augas da Costa da Morte. Imaxe: Kuka Sar
O tema da xarda capturada polos barcos vascos mentras os galegos xa teñen o cupo completo chegou onte ao Parlamento Galego. A deputada do BNG, Montse Prado afirmou onte na comisión de pesca que os mariñeiros séntense “burlados, discriminados e ninguneados” ao verse obrigados a tirar o peixe ao mar mentres a súa beira outras embarcacións pescan libremente.
No transcurso dunha pregunta ao goberno sobre a xestión da pesqueira da xarda para artes menores e os peches establecidos e a demanda dun novo sistema de xestión, a nacionalista afirmou que na actualidade os pescadores de artes tradicionais galegos constatan como mentres eles tiran a xarda morta ao mar por mor dun reparto que discrimina a Galiza - criticado xa no seu momento por Asoar-Armega - outros barcos pescan e venden o peixe nas lonxas galegas. “ Os pescadores galegos soben a xarda pero teñen que volvela a tirar ao mar e non poden pescar outras especies o que produce unha gran merma nos seus ingresos”, indicou a deputada do BNG.
Prado censurou que a consellería do Mar responsabilice ao sector cando é a Xunta, o Goberno central e a Unión Europea os que impoñen condicións e regulamentos que aboca ao sector a unha situación insostible. A parlamentaria lamentou que a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación tecnolóxica - Mercedes Rodríguez Moreda - non amosara na resposta á pregunta do BNG ningunha disposición a exixir do Goberno español “cambiar este sistema de reparto nin tomar medidas que defendan ao sector”.