O ingüeiro, o impresionante espectáculo natural da fusión da lagoa das Xalfas e o mar da Area Maior
19 de febreiro de 2018 (15:55 h.)
Etimoloxía
Sobre a palabra, segundo Candamo, "os vellos do lugar din que a xente simplificou co tempo a palabra "lingüeiro", que podería derivar de lingua, pola forma que ten a lagoa cara o mar". Antón Lado, creador no seu día dunha asociación co nome Ingüeiro, fálanos longo e tendido da palabra. "A teoría máis práctica parece relacionar a palabra "ingüeiro" como un derivado de "lingua" (de area) enténdese, e que adoita denominar en galego e en portugués "unha parte de terra bañada lateralmente por auga". No caso da lagoa de Louro, esta teoría pode verse tamén reforzada pola forma de lingua que ten a auga na lagoa, e que pode formarse no mar, nun río etc. E por que "ingüeiro". Bueno, a explicación etimolóxica viría dada pola perda do (l) intervocálico ninguén se refire a ingüeiro sen o artigo, como pasa en moitas formas . Para todo o mundo de Louro é "o (l)Ingüeiro" (na práctica, se llo oes a alguén, parece unha palabra "oingüeiro"). En Louro está fortemente relacionado coa pesca. Parece ser que antigamente se abría a lagoa nun proceso de traballo colectivo-comunitario que se denominaba "ir rebentar o ingüeiro" para pescar anguía e outros peixes, enténdese que de río (circula unha lenda dun congro que non recordo ben e que me parecía un tanto fantástica). Práctica hoxe perdida, tamén, coma o propio río Longarela. Contan que tamén servía para aturdir os peixes que se achegaba á ribeira. O certo é que de entre mentres algunhas persoas centran na forma da auga para explicalo, o fenómeno parece ter máis que ver coa forma da area, e a barreira de area que forma de maneira natural entre río e mar. Ata aquí era a explicación que eu tiña de sempre do termo "ingüeiro" (<lingua-lingüeiro). Pero hai uns anos, remexendo na etimoloxía da palabra, dei coa forma ingueiro, en portugués, e que remite a unha planicie de area situada entre dúas rochas e que aparece cando marcha a auga de entre as rochas. Con isto non é que nos situemos no punto de partida e descartar a etimoloxía "lingüeiro", pero non se pode descartar outra orixe que teña máis que ver con "ingua": parte que se sitúa entre dúas cousas como elemento de unión (as ingles, por exemplo). O tema, en ordenado, daría para un material interesante de etimoloxía singular da costa da morte. E máis se pensamos que a maioría dos topónimos da zona, ou están mal ou deficientemente explicados, ou non existe a explicación. Ou, cando existe, está demasiado vinculada a imaxinarios épicos do pasado. A etimoloxía, unha das cousas que ten, é que, na maioría dos casos éche unha cousa moi prosaica. A música do vídeo é "A Chuvia", do disco de Pablo Díaz "Tic Tac", cantada por Xabier Díaz.Novas relacionadas
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).