Salvamento de lixo en Punta Caghada

Voluntarios de Mar de Fabula recuperando lixo mariño en Punta Caghada

Menuda operación de “salvamento de lixo” a que tiveron que realizar os membros de Mar de Fábula o pasado xoves. Nunha maniobra feita con bisturí meteorolóxico entre borrascas, e a bordo da ghamela de Santa Mariña con Berto, o seu bravo patrón a bordo, os membros de Mar de Fábula recolleron unha marea de lixo mariño da zona da Punta Caghada, en Camariñas.

A Punta Caghada do cabo Veo pasa por ser un dos lugares máis inhóspitos e perigosos da nosa Costa da Morte. Deste xeito, o lixo lévase acumulando alí durante anos. Así o comprobou o bo de Berto, axudado de Xosé Manuel Barros, o mítico voluntario do Prestige Sven, o mariñeiro de Camelle Marcelino e outros compañeiros nesta batalla contra o lixo mariño. Entre todos recuperaron o o primeiro lote de sacos con lixo plástico que, dende hai un mes e ao abrigo dos sudoestes, esperaba a ser embarcado e levado ao punto limpo.

Unha vez coa carga completa, a ghamela partiu rumbo ao porto de Santa Mariña. Media hora depois, chegaba de volta baixo unha orballada escura e cunha mar cada vez máis alterada. Así, varias viaxes ata deixar estibaos na parede do dique do porto de Santa Mariña, os 55 sacos de lixo plástico e granel. “Unha contaminación que nunca volverá ao mar”.

Na última parte desta longa operación de limpeza, unha camioneta do concello de Camariñas foi na mañá do sábado a cargar os sacos para transportalos á granxa de Arou. Alí, finalmente, faremos a clasificación e selección do lixo nos contenedores verdes e amarelos, situados á nosa disposición polo concello.

O traballo de limpeza de Punta Caghada, que comenzou o 21 de xaneiro, ten sido o máis complexo dos que Mar de Fábula ten feito até agora.
O mar sigue ao seu, cos seus temporais de inverno pero tamén está contento. Dende o meu observatorio aquí, no alto de Camelle, escoito como brúa na Punta do Cabesso e vexo o seu manto branco rompendo con forza na area de Traba.

Canto lle ten que agradecer o mar, e os que vivimos nel, aos membros de Mar de Fábula!

55 sacos de lixo xa están no porto de Santa Mariña

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Mar de Fábula