A nova poesía costeira renace en Mazaricos
Encantados de descubrirmos novos talentos costeiros. Hoxe toca coñecermos a Ismael Ramos, que con só 20 anos xa dá que falar por toda Galicia, despois de que o seu libro “Os fillos da fame” gañase o Premio de Poesía Johán Carballeira, o que lle permitirá que Edicións Xerais o publique.
O xurado decidiu por unanimidade seleccionar o libro “Os fillos da fame” como gañador da XVIII edición do premio polos seus “indubidables valores poéticos que beben da mellor tradición da poesía internacional, integrando así mesmo o rico herdo da poesía galega nun texto no que a voz autorial se recoñece limpa e novidosa”.
Cómpre sinalar que este galardón, que xa leva 18 anos sendo entregado polo Concello de Bueu, foi gañado en 2002 polo fisterrán Alexandre Nerium, por “Vogar de couse”, ex aequo con Carlos Negro.
Coñecendo a Ismael Ramos
Este mazaricán, que creceu polas rúas de Noia, leva varios anos afincado en Compostela, estudiando Filoloxía Hispánica. Pero en todo caso a súa vinculación con Mazaricos “segue a ser forte”, como el mesmo nos conta. “A xente que quero, o meu sangue, está alí. Vou como mínimo unha ou dúas veces ó mes, sempre que baixo a Noia”.
De feito, a Costa da Morte dalle moito onde escribir, e o libro un exemplo, pois está cheo de mar, e tamén cheo de fame, “como na nosa historia como pobo e na nosa historia literaria”. “De inspiración sérveme sempre. Hai días que parecen estar todos tolos (eu incluído) e outros nos que me parece que todo canto pasa nun lugar de dez casas é fundamental. Os paseos, as anécdotas dos meus pais e as dous meus avós, o xeito de falar…”, cóntanos.
Apunta ademais que “neste libro aparece cara o final Mazaricos, moi pouquiño, pero aparece”. Un Mazaricos que foi “aprendendo a apreciar”.
Preguntámoslle tamén a súa visión da creación dos poetas da Costa da Morte, e recoñece que se lle fai “difícil ir máis alá daqueles que coñezo dos anos 90 (María Lado, Estevo Creus...)".
Iso si, ten claro que lle gustaría “publicar algo nalgures que chegase ás casas dos veciños de Mazaricos, aínda que fose na revista das festas, pero non o vexo posible. Non sei como andan as cousas polos institutos ou noutros concellos, pero é que Galicia ás veces faise grande de máis para enterarse de todo”.
Teremos que ter en conta a este novo poeta montañés, pois non é o primeiro galardón do mazaricán. Comezaba a escribir tremendamente novo, con apenas 16 anos, e xa recibía premios. En 2011 levaba o XV premio literario Ánxel Casal, en 2012 o Premio Literario Minerva en narración e poesía e en o 3º Premio de poesía do Concello de Ames polo conxunto “Fragmentos para C.”
Por certo, non deixen de coñecer os orixinais espazos na rede de Ismael Ramos: otristestephen.tumblr.com e in-ter-ferencias.blogspot.com.
Novas relacionadas
- Fotografía e poesía nun certame por Razo e Baldaio.
- A Fundación López Abente abre o prazo para o seu III Premio de poesía.
- Maria Lado estreo o seu novo poemario na casa.
- Modesto Fraga presenta o seu novo libro cheo de Fisterranía.
- Os versos de Miro Villar musicados en clave indie.
- O Batallón Literario da Costa da Morte revive na rede.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Fotos de Ál Coldinhandblues.