As Amas de Casa de Mazaricos poñen o pote ao lume para o 25º aniversario da Festa do Bolo do Pote

Imaxe da Festa do Bolo do pote Mazaricos do ano pasado

Achégase o mes de marzo e na súa primeira fin de semana os amantes da boa mesa teñen cita en Mazaricos, pois celebrase a 25ª edición da Festa do Bolo do Pote. Unha festa armada polo Concello de Mazaricos, coa colaboración da Asociación de Amas de Casa El Hórreo, a Asociación de Veciños Monte Picoto e mais o restaurante e hotel Casa Jurjo.

Durante todo o sábado e domingo, varios restaurantes de Mazaricos organizan xantares e ceas, con reserva previa, de cocido e bolo do pote.

Pero o prato forte, e nunca mellor traído, é o domingo 3, cando o campo da feira acolla como cada ano, unha degustación gratuíta deste produto. A festa arrinca ás 13h co pasarrúas e o concerto do grupo de gaitas O Sib do Solpor, antes da degustación ás 14 h. Este ano, a degustación terá un prezo simbólico de 2 euros e incluirá como agasallo un prato de cerámica do Buño. A partir das 16h terá lugar o pasarrúas pola Picota a cargo da Charanga Alambique. Se o tempo o permite, instalaranse inchables para que xogue a rapazada. Será entre as 12:30h e as 15:15h, e entre as 16:15h e as 18:30h.

Os establecementos que ofrecen xantares e ceas os días 2 e 3 de marzo son o Asador Manduca, o Restaurante Efe-Eme, Casa Jurjo, Campamento Corzón e Casa Pego. O prezo dos menús de bolo do pote, cocido, sobremesa, viño e café situarase a partir de 25 euros. Recoméndase facer reserva previa no local escollido antes da fin de semana. Ademais, son colaboradores nesta edición a Taberna Casa Senra, o Café Bar Alborada e a Pizzería Pinocchio.

Comendo o Bolo do pote nas xornadas do ano pasado en Casa Jurjo

O bolo do pote

O bolo do pote é un complemento tradicional do cocido que se foi recuperando e reivindicando e hoxe é o centro desta festa que leva celebrándose dende finais dos anos 90. Os bolos do pote elabóranse a base de fariña de millo, unha pouca de centeo e un rustrido de cebola e chichas de touciño. Amásase todo con auga do caldo, fanse os bolos e bótanse a cocer na pota co resto do cocido cando esta está a ferver. A súa orixe é tan antiga como a do propio cocido, e o seu rastro pode albiscarse mesmo nos versos de Rosalía de Castro. 

A Asociacion de Amas da Casa de Mazaricos, as grandes protagonistas da Festa do Bolo do Pote