Luns. 29.04.2024
El tiempo

As Amas de Casa de Mazaricos poñen o pote ao lume para o 25º aniversario da Festa do Bolo do Pote

Festa do Bolo do pote Mazaricos 2023
Imaxe da Festa do Bolo do pote Mazaricos do ano pasado
As Amas de Casa de Mazaricos poñen o pote ao lume para o 25º aniversario da Festa do Bolo do Pote

Achégase o mes de marzo e na súa primeira fin de semana os amantes da boa mesa teñen cita en Mazaricos, pois celebrase a 25ª edición da Festa do Bolo do Pote. Unha festa armada polo Concello de Mazaricos, coa colaboración da Asociación de Amas de Casa El Hórreo, a Asociación de Veciños Monte Picoto e mais o restaurante e hotel Casa Jurjo.

Durante todo o sábado e domingo, varios restaurantes de Mazaricos organizan xantares e ceas, con reserva previa, de cocido e bolo do pote.

Pero o prato forte, e nunca mellor traído, é o domingo 3, cando o campo da feira acolla como cada ano, unha degustación gratuíta deste produto. A festa arrinca ás 13h co pasarrúas e o concerto do grupo de gaitas O Sib do Solpor, antes da degustación ás 14 h. Este ano, a degustación terá un prezo simbólico de 2 euros e incluirá como agasallo un prato de cerámica do Buño. A partir das 16h terá lugar o pasarrúas pola Picota a cargo da Charanga Alambique. Se o tempo o permite, instalaranse inchables para que xogue a rapazada. Será entre as 12:30h e as 15:15h, e entre as 16:15h e as 18:30h.

Cartel XXV Festa do Bolo do Pote de Mazaricos 2024Os establecementos que ofrecen xantares e ceas os días 2 e 3 de marzo son o Asador Manduca, o Restaurante Efe-Eme, Casa Jurjo, Campamento Corzón e Casa Pego. O prezo dos menús de bolo do pote, cocido, sobremesa, viño e café situarase a partir de 25 euros. Recoméndase facer reserva previa no local escollido antes da fin de semana. Ademais, son colaboradores nesta edición a Taberna Casa Senra, o Café Bar Alborada e a Pizzería Pinocchio.

Bolo do pote Casa Jurjo 1
Comendo o Bolo do pote nas xornadas do ano pasado en Casa Jurjo

O bolo do pote

Bolo do Pote mazaricos

O bolo do pote é un complemento tradicional do cocido que se foi recuperando e reivindicando e hoxe é o centro desta festa que leva celebrándose dende finais dos anos 90. Os bolos do pote elabóranse a base de fariña de millo, unha pouca de centeo e un rustrido de cebola e chichas de touciño. Amásase todo con auga do caldo, fanse os bolos e bótanse a cocer na pota co resto do cocido cando esta está a ferver. A súa orixe é tan antiga como a do propio cocido, e o seu rastro pode albiscarse mesmo nos versos de Rosalía de Castro. 

A Asociacion de Amas da Casa de Mazaricos as grandes protagonistas da Festa do Bolo do Pote
A Asociacion de Amas da Casa de Mazaricos, as grandes protagonistas da Festa do Bolo do Pote

Comentarios