O Campus de Verán do Mazaricos pecha tras unha serie de potentes visitas
O Campus de Verán Mazaricos CF 2026 celebrou hoxe a súa xornada de clausura no campo municipal da Picota, poñendo fin a dúas semanas de actividades, adestramentos e convivencia nas que participaron 65 nenos e nenas. O acto contou coa presenza do tenente de alcalde, Jorge Villar, que participou na entrega de diplomas e acompañou ás familias e ao equipo organizador.
Ao longo da quincena, o campus recibiu a visita de diferentes profesionais e referentes do fútbol galego, que achegaron contidos formativos, motivación e experiencias de valor para a mocidade participante.
A primeira das visitas foi a de Néstor Romero, ex-adestrador do Mazaricos CF e técnico con ampla traxectoria, que impartiu unha sesión centrada nos valores do deporte base e na importancia da formación integral dos xogadores.
Posteriormente, o campus acolleu unha entrevista-coloquio con Raúl Lema, xogador xuvenil de Muxía que acaba de fichar polo Real Madrid. Lema compartiu coas crianzas a súa experiencia persoal, o esforzo que require a formación deportiva e a importancia de manter a disciplina e os estudos.
Outro dos momentos destacados foi a visita de Miguel Figueira, da Picota, ex-futbolista profesional que chegou a competir en Segunda División e que na actualidade continúa ligado ao deporte como adestrador. Figueira achegou unha sesión práctica e motivacional centrada na constancia, o traballo en equipo e o compromiso persoal.
Durante o acto de clausura, o tenente de alcalde, Jorge Villar, subliñou “a importancia de crear espazos seguros e de calidade para que a mocidade poida medrar, aprender e convivir a través do deporte”. Engadiu que “o campus é unha mostra de que no rural tamén se pode ofrecer unha programación deportiva completa, con profesionais implicados e actividades que fortalecen a vida comunitaria e a igualdade de oportunidades”.