Cancelada a Semana Gandeira de Mazaricos pola alerta sanitaria pola dermatose nodular contaxiosa

Dermatose nodular contaxiosa

O Concello de Mazaricos, en coordinación con Gandeiros de Mazaricos e a Asociación de Criadores de Gando Frisón da Coruña (Africor), vén de anuunciar a cancelación da Semana Gandeira 2025 prevista para do 24 ao 30 de novembro, como medida preventiva ante o risco de propagación da dermatose nodular contaxiosa.

Esta decisión, tomada de forma conxunta polas entidades organizadoras, responde ás restricións establecidas pola Xunta de Galicia para minimizar o movemento e concentración de gando en toda a comunidade autónoma. A medida afecta tamén a feiras, mercados e eventos gandeiros en todo o territorio galego.

Preocupación e responsabilidade sectorial

"Dende o Concello, en coordinación coa organizacións gandeiras organizadoras, consideramos que, ante a gravidade da situación, o máis prudente é suspender todas as actividades que impliquen movemento ou concentración de animais. A saúde do noso gando é a nosa prioridade", sinalou Juan Blanco, alcalde do Concello de Mazaricos.

O alcalde de Mazaricos tamén destacou que "aínda que a Semana Gandeira é un evento importante para Mazaricos e para o sector gandeiro local, comprendemos que é unha medida necesaria para protexer as nosas ganderías".

Contexto sanitario

A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade viral que afecta ao gando bovino e que xa foi detectada en focos en Cataluña e Francia. Aínda que non é transmisible aos seres humanos, as súas consecuencias económicas para as explotacións gandeiras poden ser devastadoras, xa que a normativa actual obriga ao sacrificio de toda a cabana en caso de detección dun só positivo e a
inmobilización de todas as ganderías nun radio de cincuenta quilómetros.