Celestino Pérez Recarey presenta en Mazaricos a súa nova novela "Supermercado Carmiña"

O Concello de Mazaricos acollerá o vindeiro domingo 28 de xuño, ás 17:00 horas, na Casa de Cultura, a presentación da novela Supermercado Carmiña (Toxosoutos, 2025), do escritor e mestre Celestino Pérez Recarey. No acto participará tamén Manuel González González, coñecido como Manolo da Irmandade da Picota, prestixioso lingüista, membro da Real Academia Galega e Fillo Predilecto de Mazaricos.

A obra chega ao noso concello da man dun autor que, aínda que pouco coñecido pola veciñanza na actualidade, mantén un forte vínculo con Mazaricos: aquí iniciou a súa carreira docente na Escola Unitaria de Rapaces da Picota nos anos 1965 e 1966, sendo ademais quen a inaugurou en abril de 1965. Aquelas primeiras experiencias profesionais deixaron nel unha fonda pegada, que xa aflorou no seu libro de relatos Andainas (Toxosoutos, 2022) e que tamén, segundo el mesmo indica, está presente nesta nova novela.

Supermercado Carmiña é unha historia de segundas oportunidades ambientada nunha vila pequena, moi semellante á Picota, e  protagonizada por personaxes recoñecibles para calquera persoa que viva ou coñeza o rural galego. Trátase dunha obra que bebe da observación da vida cotiá, das relacións humanas e das historias grandes e pequenas que constrúen comunidade.

Celestino Pérez Recarey formouse como mestre e especializouse posteriormente en matemáticas e lingua galega. Desenvolveu unha longa
carreira profesional ligada ao ensino e á divulgación, con numerosas publicacións sobre didáctica e sobre a nosa lingua. Xa xubilado, dedicou os últimos anos á creación literaria, publicando Andainas (2022), Nomes propios (2023) e agora Supermercado Carmiña.
“É unha satisfacción recibir en Mazaricos a quen formou parte da vida educativa da Picota e que soubo transformar aquelas vivencias en literatura. A cultura é un piar fundamental para fortalecer a identidade e a memoria colectiva do noso concello”, sinala a alcaldía.
O acto é aberto ao público ata completar aforo.