Doble torneo de pádel para amenizar o verán de Mazaricos
O Mazaricos CF, coa colaboración do Concello de Mazaricos, presenta a programación de pádel para este verán: dous torneos de carácter amateur que se celebrarán en fins de semana consecutivas do mes de agosto na pista municipal. As probas están abertas a persoas de todos os niveis a partir dos 16 anos e buscan reforzar a práctica deportiva no concello, ademais de ofrecer dous espazos de encontro para a veciñanza no corazón do verán.
Torneo de pádel por parellas · 8 e 9 de agosto
A primeira cita será o torneo por parellas fixas, no que cada persoa se inscribe xunto coa súa compañeira ou compañeiro. Participarán 16 parellas (32 xogadores/as), distribuídas en catro grupos que disputarán unha fase inicial de liguilla con, polo menos, tres partidos garantidos por parella. O domingo celebrarase a fase final por eliminatoria. A inscrición ten un custo de 20 euros por parella e permanece aberta ata o 5 de agosto.
Torneo de pádel americano · 15 e 16 de agosto
A seguinte fin de semana celebrarase o torneo americano, de carácter individual. Neste formato non é necesario ter parella, xa que as persoas participantes rotan continuamente, xogando con e contra distintas persoas ao longo da competición. Ofértanse 16 prazas individuais e cada xogador/a disputará sete partidos. A inscrición é de 10 euros por persoa e o prazo remata o 12 de agosto.
Horarios adaptados ao verán
Para evitar as horas de maior calor, ambos os torneos desenvolveranse en quendas de mañá (de 9:00 a 12:30) e de tarde (de 19:00 a 23:30). A iluminación da pista permite prolongar a actividade deportiva ata última hora, garantindo un ambiente máis fresco e cómodo para o xogo.
Premios e información práctica
As dúas competicións incluirán trofeos ou agasallos para as persoas gañadoras, así como un recordo conmemorativo e diploma de participación para todas as persoas inscritas. As reservas e consultas realízanse a través do teléfono 663 247 342 (Álex).